A implantación en empresas e organizacións de sistemas de xestión da eficiencia enerxética permite un aforro de ata un 35%

imaxe_eficiencia_enerxeticaEstes sistemas melloran a produtividade das empresas e non requiren investimentos adicionais

Mañá sábado celébrase o Día Mundial da Eficiencia Enerxética. Con motivo desta conmemoración, o Colexio Oficial de Biólogos de Galicia -COBGA- quere poñer de manifesto que “a eficiencia enerxética é unha prioridade internacional e é imprescindible para camiñar cara á sostibilidade”.

 

O Colexio de Biólogos destaca que “dende o Protocolo de Kioto, pasando pola Directiva 2006/32 da Unión Europea sobre a eficiencia do uso final da enerxía e os servizos enerxéticos, ata chegar a diversas normas específicas, a comunidade internacional e a maior parte dos países desenvolvidos teñen lanzado estratexias de aforro e de eficiencia enerxética con máis ou menos acerto”.

Os biólogos explican que a eficiencia enerxética é “o conxunto de accións encamiñadas ao maior rendemento co menor consumo de enerxía, fomentando comportamentos sostibles e conseguindo un aforro e unha mellora ambiental”. Nesta liña, afirman que “quen as aplica gaña e todos gañamos no camiño”.

A Norma UNE-16001

Dende o COBGA lembran que en España dispoñemos da Norma UNE-16001, que establece “un sistema claro e probado para lograr a tan ansiada eficiencia enerxética en organizacións de calquera tipo e tamaño, públicas ou privadas, sen ánimo de lucro ou empresariais”. Segundo os expertos, coa implantación dun sistema de xestión da eficiencia enerxética baseado nesta norma, as organizacións logran substanciais aforros enerxéticos, de entre o 5 e o 35% e sen necesidade de investimentos adicionais, coa conseguinte redución de custos.

Os biólogos aseguran que o proceso de implantación dun sistema de xestión da eficiencia enerxética baseado na Norma UNE-16001 é sinxelo. Non obstante, indican que cómpre abordalo de xeito sistemático. Así, apuntan que, “logo dun diagnóstico inicial da situación, planifícase o proxecto; sensibilízase e fórmase ao persoal da organización; defínense e impleméntanse os obxectivos, controis, melloras e métodos para lograr a eficiencia enerxética. E todo isto cun enfoque de mellora continua”.

Os biólogos desempeñan un papel fundamental na implantación de sistemas de eficiencia enerxética

Dende o Colexio Oficial de Biólogos de Galicia manifestan que, unha vez implantado o sistema de aforro enerxético, as organizacións contan cun conxunto de elementos e ferramentas que “permiten a mellora dos procesos e o aforro nos consumos e, en definitiva, a tan buscada eficiencia enerxética”.

Os biólogos, como profesionais que traballan en temas ambientais, defenden o seu “papel fundamental como facilitadores e integradores” no desenvolvemento e implementación de sistemas de eficiencia enerxética no seo das empresas e das organizacións. Sinalan que, ademais, estes sistemas acóplanse sen dificultade ao resto de políticas, obxectivos e metodoloxías que forman parte do funcionamento normal das organizacións. E destacan que contribúen á obtención de mellores resultados, tanto para a entidade que os implanta como para a sociedade na que opera. Nesta liña, dende o Colexio de Biólogos manifestan que “traballar con eficiencia enerxética compensa sempre”.