A xunta de goberno do Colexio de Arquitectos de Galicia fará efectiva a súa anunciada demisión o vindeiro mércores, 26 de decembro

DuarteO decano, Jorge Duarte, indica que continuará a negociación cos traballadores afectados polo ERE

Tamén afirma que o futuro do Colexio “está comprometido”

A xunta de goberno do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, que preside Jorge Duarte, fará efectiva a súa demisión o vindeiro mércores, 26 de decembro, na sede central da Casa da Conga. A dirección colexial, formada por catorce persoas e das que sete corresponden aos presidentes das delegacións territoriais, xa anunciara a súa renuncia en bloque a pasada noite, trala asemblea extraordinaria que rexeitou por ampla maioría as previsións económicas da entidade para o ano 2013.

 

Jorge Duarte entende que agora mesmo “está comprometido” o futuro do Colexio: “Levamos seis meses traballando neste plan de viabilidade e nunca se albiscou un modelo económico alternativo”. Agora ábrese un prazo de dous meses para convocar eleccións. En relación ao Expediente de Regulación de Emprego, que afecta a un terzo do cadro de persoal e que suporía un aforro de 800.000 euros, o decano afirma que continuarán a negociación cos traballadores, pero que esta xunta demisionaria “non adoptará ningunha decisión relevante” ao respecto.

 

Duarte reivindica o papel da institución “como valedora de procesos urbanísticos transparentes e de calidade, un valor ao que a sociedade non pode renunciar, porque é moito máis importante do que parece a simple vista”. A promoción da arquitectura e a posta en valor do traballo dos arquitectos  figuran na propia misión estatutaria da entidade, “que está máis vixente ca nunca”, segundo sinala.

A asemblea que rexeitou a programación económica

A cita do xoves pola tarde en Santiago tiña especial relevancia xa que as contas para 2013, que ascenden a 3,4 millóns de euros, contemplaban un expediente de regulación de emprego (ERE) de carácter extintivo que afecta a dezasete postos de traballo cun custo medio anual de 49.000 euros, así como a substitución da prestación de servizos presenciais nas sete cidades por procedementos telemáticos, aínda que si se mantén a representación territorial de todas as delegacións. O resultado da concorrida asemblea, que se prolongou durante case seis horas, foi o seguinte: 732 votos en contra, 255 a favor e 50 abstencións.

O decano do Colexio, Jorge Duarte, indica que este ano as contas rexistrarán unhas perdas de case 700.000 euros, mentres que as previsións para o ano 2013 son dunha caída do 30 por cento da actividade construtiva. De aí que defenda o plan de viabilidade como “única alternativa posible”, malia que recoñece que as medidas son “dolorosas pero absolutamente imprescindibles”. Igualmente cre que a oposición manifestada pola asemblea colexial foi “máis ao peche de centros de traballo nas delegacións territoriais que á programación económica”.

Duarte, que quere expresar o “afecto” de toda a xunta de goberno polos traballadores afectados, lembra que nos últimos seis anos se produciu unha “brutal” caída de visados de vivendas, un 90 por cento, que equivale a un descenso do 73 por cento dos ingresos.

Redución de órganos de goberno e das súas retribucións

O Colexio de Arquitectos de Galicia tamén iniciara un debate cara a reformar os seus estatutos, co fin de reducir o custe e membros que dirixen a institución. Ademais, nos últimos tres anos, os órganos de goberno impuxéronse un recorte aproximado do 50 por cento nas súas retribucións.

Así mesmo, para combater a contracción económica, que vén provocando significativas tensións de tesouraría, a entidade profesional puxo á venda o  seu patrimonio inmobiliario hai uns meses, empezando por aqueles locais sen uso ou que soportan unha elevada carga hipotecaria.

Ante esta situación “tan complicada” e dadas as malas previsións para 2013, Jorge Duarte declara que se viron conminados a ser “moi realistas e responsables” e buscar o punto de equilibrio para facer “viable e sostible” a propia organización profesional: “Estamos obrigados a manter e mellorar os servizos aos colexiados, pero sendo moito máis económicos e eficientes”, segundo advertiu.