Xerardo Estévez foi distinguido esta fin de semana coa Medalla do Consello Superior de Arquitectos pola promoción de políticas públicas de arquitectura na administración local

EstvezXunto ao ex-alcalde de Santiago, recibiron o mesmo galardón o ex-alcalde de Barcelona, Pasqual Maragall, e o actual rexedor de Bilbao, Iñaki Azkuna, nun acto que se celebrou no salón de plenos do Senado baixo a presidencia de Pío García-Escudero, tamén arquitecto

Estévez destaca que é un recoñecemento á cidade, “porque soubo levar adiante unha iniciativa de modernización que sen os cidadáns quedaría reducida a obxectos”

O decano do Colexio de Arquitectos de Galicia, Jorge Duarte, subliña que Estévez foi exemplo do que se debe facer desde as Administracións Públicas, “apostando pola calidade do planeamento urbanístico”

O Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España (CSCAE) outorgou a súa Medalla aos ex-alcaldes de Santiago e Barcelona, Xerardo Estévez e Pasqual Maragall, e ao actual rexedor de Bilbao, Iñaki Azkuna, en recoñecemento “polo seu intenso traballo na promoción de políticas públicas de arquitectura na administración local, que impulsaron unha arquitectura de calidade e a participación do proxecto arquitectónico no deseño e na rehabilitación das cidades”. O acto de entrega das Medallas CSCAE 2012 celebrouse o pasado venres en Madrid, no salón de plenos do Senado e baixo a presidencia de Pío García-Escudero, con motivo da celebración da Asemblea Xeral da entidade profesional, á que asistiron representantes de todos os colexios de arquitectos de España.

Xerardo Estévez valora estas distincións, que o Consello de Arquitectos outorga por segundo ano, porque –di– son tres cidades de distinto tamaño, de comunidades históricas e con vocación europea. Subliña que é un “recoñecemento á cidade, porque soubo levar a cabo unha iniciativa de conservación e modernización que sen os cidadáns quedaría reducida a obxectos de arquitectura. Un proxecto que une cidadáns, arquitectura e planeamento”. E teima en que esa transformación foi unha iniciativa proxectivamente municipal, “con edís e técnicos de primeiro nivel cos que tamén quero compartir esta medalla, e co consenso institucional como forma de practicar a política”.

Estévez afirma que el se recoñece na cidade histórica, non só polo espírito de conservar, rehabilitar, coidar, senón tamén por introducir o contemporáneo: “Esas iniciativas levaron a rodear de parques a cidade histórica, construíndo un novo periférico e situando nel os novos equipamentos. Todo mirando ao sol de poñente que no solsticio ilumina os distintos rostros do Apóstolo que están na nave catedralicia”.

O decano do Colexio de Arquitectos de Galicia –Jorge Duarte–, que acompañou a Xerardo Estévez no acto de entrega das medallas, indica que o Consello Superior valorou nos tres alcaldes a súa aposta pola arquitectura como rexeneradora das sociedades e a calidade de vida dos cidadáns, e agora máis ca nunca nesta conxuntura de escaseza de recursos. “Xerardo Estévez foi exemplo do que se debe facer desde as Administracións Públicas, apostando pola calidade do planeamento urbanístico. O Plan Xeral garantiu ademais bolsas de solo para vivenda protexida. O Plan Especial da Cidade Histórica, premiado en todo o mundo, permitiu revitalizar, conservar e protexer a zona antiga. E, en definitiva, a promoción da arquitectura contemporánea de calidade, tanto á cidade histórica como en xeral, supuxo unha notable mellora dos espazos públicos para os cidadáns con arquitectura do noso tempo”, segundo manifesta Duarte.

O director xeral de Patrimonio en funcións da Xunta de Galicia e ex-decano do Colexio de Arquitectos de Galicia, Xosé Manuel Rey Pichel, e máis Celestino García Braña, igualmente ex-decano do Colexio galego, tamén asistiron ao acto de entrega das Medallas CSCAE 2012.

XERARDO ESTÉVEZ FERNÁNDEZ é arquitecto urbanista pola Escola Técnica Superior de Barcelona. Foi deputado no Parlamento de Galicia de 1981 a 1983, ano en que resulta elixido alcalde de Santiago de Compostela, cargo que desempeña ata 1998. En 1993 participou na fundación do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España. En 1999 reincorporouse á práctica profesional da arquitectura, levando a cabo investigacións sobre cidade, territorio e patrimonio, ao tempo que desenvolve unha actividade como conferenciante e escritor.