O Colexio de Arquitectos de Galicia imparte un curso formativo sobre inspeccións técnicas para garantizar a seguridade e o estado de conservación dos edificios
- Detalles
- Categoría: Colexio Arquitectos Galicia
- Published: Venres, 09 Novembro 2012 13:20
- Visitas: 534
O decano do Colexio de Arquitectos pide unha ordenanza autonómica e axudas para mellorar a estrutura e a eficiencia enerxética dos fogares con dificultades económicas
O Colexio de Arquitectos de Galicia inaugurou hoxe na súa sede da Casa da Conga de Santiago un curso formativo sobre a “Inspección Técnica de Edificios (ITE)”. No acto de apertura estiveron presentes o decano do Colexio de Arquitectos de Galicia, Jorge Duarte; a concelleira de Urbanismo de Santiago, María Pardo; e a presidenta da Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia, Ana Domínguez Laíño. Este curso é o primeiro módulo dunha serie de tres sesións sobre a inspección das estruturas de formigón e os pechamentos e a inspección das estruturas de madeira, fábrica e das instalacións.
Os obxectivos deste primeiro módulo son adquirir os coñecementos a nivel de procedemento, normativa, responsabilidade e tramitación necesarios á hora de afrontar unha inspección técnica nun edificio. Por outro lado, o curso ten a finalidade de que os alumnos desenvolvan as competencias relativas á adopción de medidas de seguridade e técnicas de apeo.
Na súa intervención, Jorge Duarte destacou o labor que o Colexio de Arquitectos realiza no fomento da formación continua dos seus colexiados. “Actualmente a nosa profesión está aberta a novas vías de traballo que facilitarán o noso recoñecemento profesional” –apuntou–. Na liña das ITE, o decano dos arquitectos animou á Administración autonómica a aprobar unha ordenanza común para estendela a todo tipo de poboacións, mais alá da obriga por lei para as ciudades de máis de 25.000 habitantes. Ademais, Duarte salientou a necesidade de incentivar con axudas as obras necesarias para as familias con dificultades económicas, conseguindo mellorar a seguridade das súas vivendas, e indo máis alá mellorando tamén as condicións de habitabilidade, accesibilidade e de eficiencia enerxética.
Pola súa parte, María Pardo acentuou a importancia deste curso formativo sobre as inspeccións técnicas das edificacións que o Concello de Santiago aprobou o pasado mes de marzo coa entrada en vigor da ordenanza reguladora correspondente, materia na que colaborou activamente a Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos.
Imparten o curso o técnico municipal e responsable da área de Urbanismo do Concello de Santiago de Compostela, José Ángel Oreiro; o arquitecto Mariano de Labra; o aparellador, arquitecto e profesor da Universidade da Coruña, José Fernández; e o arquitecto e presidente da Agrupación de Arquitectos Peritos Forenses de Galicia do Colexio de Arquitectos de Galicia, Marcelino César Jiménez.
A actual preocupación da sociedade pola seguridade e o estado de conservación dos edificios, o prezo da vivenda e o desexo de convervar o patrimonio urbano común son razón que xustifican a progresiva xeralización das ordenanzas de Inspección Técnica de Edificios (ITE), ao amparo do artigo 200 da Lei 9/2002 de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia.
O curso continúa mañá sábado en horario de 10:00 a 13:30 horas.
Programa
Venres-9
10:00 - 10:30 horas
Apertura do curso e control de asistencia
10:30 - 11:30 horas
A Ordenanza do Concello de Santiago: Previsión de posta en funcionamento e xestión del Concello. José Ángel Oreiro
12:00 - 14:00 horas
I. Adopción de medidas de seguridade. Procedementos a adoptar. Casos prácticos. Técnicas de apeo
15:30 - 17:00 horas
II. Adopción de medidas de seguridade. Procedementos a adoptar. Casos prácticos. Técnicas de apeo
17:30 - 19:30 horas
III. Adopción de medidas de seguridade. Procedementos a adoptar. Casos prácticos. Técnicas de apeo
Sábado-10
10:00 - 11:30 horas
I. Aspectos prácticos e Normativos da ITE
12:00 - 13:30 horas
II. Aspectos prácticos e Normativos da ITE