A Delegación da Coruña do Colexio de Arquitectos expón a obra de Antonio Tenreiro pertencente a colección da entidade

É unha primeira mostra con cinco óleos e dúas acuarelas do pintor e arquitecto coruñés

Inaugurarase o venres, día 30, ás 13:15 horas

A Delegación da Coruña do Colexio de Arquitectos de Galicia (rúa Federico Tapia, 64) inaugurará este venres, día 30, unha exposición do pintor e arquitecto coruñés Antonio Tenreiro (A Coruña, 1923-2006), ás 13:15 horas. A mostra estará composta por cinco óleos das súas mellores épocas pictóricas e dúas acuarelas dos anos 50 que pertencen á colección do Colexio de Arquitectos de Galicia. Ao acto de inauguración asistirán o presidente da Delegación da Coruña do Colexio de Arquitectos, Carlos Pita, outros membros da directiva e a viúva de Tenreiro, Isabel Vázquez.

Antonio Tenreiro caracterizouse por ser un artista de visión poética e intimista do seu contorno. Aglutinou máis de duascentas obras ao longo da súa traxectoria, entre óleos (en dirversos soportes como cartón, lenzo ou en táboas), debuxos e acuarelas. A súa evolución pictórica pódese estruturar en catro grandes etapas: a súa formación en Madrid, compaxinando os estudos de arquitectura e diversas viaxes por Europa; entre os anos 50 e principios dos 70 e o seu regreso á Coruña onde desenvolve unha etapa máis persoal ou etapa negra, por empregar unha paleta escura chea de marróns e negros; a década dos 70, máis colorista; e desde principios dos 80 ata a súa morte, anos nos que a súa obra pasou a adquirir un ton máis poético e intimista, onde predominaron temas como os interiores, as vistas desde a súa ventá e os bodegóns.

A súa arte desvela gran admiración polo impresionismo, de aí que desde os inicios buscase un espazo no postimpresionismo con arte propio e vehículo de expresión. Realizou paisaxes naturais, paisaxes urbanos, bodegóns, interiores, época negra, autorretratos e murais.

A exposición poderá verse na sala de exposicións da delegación ata o 6 de xullo, de luns a venres en horario de 10:00 a 14:00 horas.