Unirisco vende o seu 17,86% da firma láctea Innolact aos socios promotores da compañía

operario_webÉ a única empresa galega que fabrica queixo de untar; factura 4 millóns de euros e comercializa os seus produtos en 14 países

Unirisco participa en 9 compañías de biotecnoloxía, ciencias da saúde, nanotecnoloxía, novos materiais e TIC

A sociedade de capital risco Unirisco Galicia vende o seu 17,86% da empresa láctea Innolact aos socios promotores da compañía. Trátase da única firma galega especializada na fabricación de queixo de untar e a cuarta a escala nacional. A operación de desinvestimento supuxo unha Taxa Interna de Rendiblidade (TIR) do 17,67% para Unirisco, impulsada pola Universidade de Santiago e da que forman parte as tres universidades galegas e varias empresas da comunidade.

A empresa Innolact ten as súas instalacións no concello lugués de Castro de Rei. Nace en 2006 dos resultados de I+D da Aula de Produtos Lácteos de Lugo, centro de formación e investigación pertencente á Universidade de Santiago. Está integrada por universitarios, especializados no ámbito da empresa e nos eidos da enxeñaría agrícola e da alimentación, que decidiron emprender un proxecto empresarial baseándose nunha tecnoloxía de fabricación novidosa desenvolta na Aula de Produtos Lácteos. En 2007 inician a produción e hoxe comercializan o seu queixo en toda España e no eido internacional.

Innolact dedícase á produción e comercialización de queixo crema, mediante o emprego dunha tecnoloxía de fabricación propia. Basea a súa produción na utilización de coprodutos da industria láctea que na actualidade están desaproveitados pero que presentan un alto valor nutritivo e funcional. Ademais, a compañía ten a capacidade de desenvolver e fabricar produtos adaptados ás necesidades de grandes clientes industriais.

Unirisco realizou o investimento no capital de Innolact en 2006, co propósito de consolidar a compañía no mercado nacional, de favorecer o desenvolvemento continuo de novos produtos e incrementar a súa presenza internacional. Cun cadro de persoal de 17 traballadores e unha facturación que ronda os 4 millóns de euros, a empresa comercializa os seus produtos en 14 países diferentes localizados en Europa, Asia, África e Sudamérica.

Unirisco Galicia é unha sociedade de capital risco creada para potenciar a transferencia de coñecemento dende a universidade á sociedade a través da creación de empresas. Nace en 2001 como unha iniciativa das tres universidades galegas, un grupo de entidades financeiras e investidores privados. Na actualidade participa en 9 compañías, pertencentes aos sectores da biotecnoloxía, ciencias da saúde, nanotecnoloxía, novos materiais e TIC.