Os empresarios demandan que non se reduzan as partidas que afectan á competitividade no novo marco de financiamento europeo 2014-2020

financiamento_comunitarioO delegado da CEOE en Bruxelas abordou esta mañá en Santiago as posiblidades que os fondos europeos ofrecerán ás empresas galegas

I+D+ i, infraestruturas enerxéticas, de transporte e dixitais, xunto co apoio ás pemes, principais áreas de interese para o sector empresarial

A Confederación de Empresarios de Galicia celebrou esta mañá unha xornada informativa centrada nas posibilidades de financiamento comunitario para as empresas galegas. Esta iniciativa enmárcase no ciclo de seminarios que a entidade está a promover en relación ás oportunidades que Europa ofrece ás firmas da comunidade.

No encontro participou o delegado da CEOE en Bruxelas, Eduardo del Pueyo. Na súa intervención analizou as principais liñas que conforman o novo marco financeiro da UE para o período 2014-2020, que estes días se está a negociar en Bruxelas. E explicou as posibilidades que ofrece ás empresas. Nesta liña, cómpre salientar que, a partir do ano 2014 España pasará a ser contribuidor neto ao presuposto comunitario, é dicir, que, por primeira vez, os seus ingresos serán superiores aos fondos recibidos.

Demandas empresariais ante o novo período de fondos europeos

Dende o sector empresarial demándase á Unión Europea que no novo período de fondos “en ningún caso se deben reducir as partidas relacionadas coas áreas que afectan á competitividade”. Así, identifícanse tres áreas principais que “ofrecen gran potencial para estimular o crecemento e a creación de novos empregos”. Trátase do sector de I+D+i, considerado polos empresarios como “unha aposta ineludible para un crecemento económico sostible en Europa”. Por outro lado, destácase a importancia de participar no desenvolvemento de infraestruturas internacionais. E valórase a necesidade de promocionar o emprendemento, “básico nun contexto de restrición crediticia e alto desemprego”, polo que se pide unha atención especial ás pemes europeas.

En relación ao novo marco financeiro 2014-2020, as empresas galegas demandan que manteña a súa validez como instrumento para corrixir as asimetrías existentes entre os diferentes Estados membros. Tamén solicitan que se garanta que o financiamento que contemplan os distintos proxectos chegue en todo momento aos destinatarios últimos, é dicir, ás empresas, con  independencia da situación que atravesen os Estados membros. As firmas da comunidade reclaman ademais unha reforma dos actuais custos administrativos dos fondos estruturais e da propia Administración comunitaria. E que, en definitiva, se logre un sistema de xestión máis simple e transparente.

Posibilidades para as empresas galegas

Na súa intervención, o delegado da CEOE en Bruxelas, Eduardo del Pueyo, animou ás empresas galegas a “aprovechar cada vez más y mejor los proyectos europeos”. E detallou unha serie de recomendacións para alcanzar o éxito na petición de fondos comunitarios por parte das empresas. Nesta liña, fixo referencia á importancia de realizar unha planificación seria e rigorosa, localizar socios estratéxicos para favorecer o desenvolvemento dos proxectos no marco comunitario, coñecer en profundidade as políticas europeas e participar en redes de alcance europeo. Tamén resaltou a necesidade de contar con fontes de información fiables, optar por unha estratexia a medio e longo prazo, así como explicar en detalle o uso que se lles dará aos fondos solicitados. Por último, incidiu na necesidade de dispoñer de capacidade de cofinanciamento, por tratarse dunha esixencia europea.

Os programas que incluirá o novo presuposto relativos á competitividade empresarial e que poden aproveitar as empresas galegas son, por un lado, o Programa Marco de investigación da Unión Europea, denominado Horizonte 2020, enfocado a I+D+i. Pola súa parte, o Programa Cosme pretende mellorar a competitividade das empresas europeas, en particular das pemes e, entre outros aspectos, contempla favorecer o acceso das pequenas e medianas empresas ao financiamento. E, por último, o Programa Conecta Europa diríxese á construción de novas infraestruturas transnacionais nos ámbitos enerxético, de transportes e dixital.

A CEG ofrece un servizo que conecta as empresas galegas con Europa

Para aproveitar todas as oportunidades que ofrece Europa, a CEG pon a disposición das empresas galegas o seu Servizo de Información Comunitaria e Innovación (SICI). Este departamento proporciona información e asistencia ás empresas sobre a Unión Europea, en particular sobre o financiamento de proxectos empresariais. Promove a internacionalización das firmas da comunidade a través da innovación e da cooperación.