A CEG abordará as medidas que deben adoptar as empresas galegas presentes no exterior para garantir a seguridade e a saúde dos seus traballadores

internacionalizCunhas 5.400 empresas que exportan con regularidade, Galicia está a incrementar o número de traballadores noutros países

Organizacións de alcance internacional como Pescanova, Vodafone ou a firma que deseña as tendas de Inditex relatarán a súa experiencia

A relevancia que está a ter o comercio exterior na comunidade galega e o notable incremento do número de empresas exportadoras, levou á CEG a organizar unha xornada na que se analizará a xestión da prevención de riscos laborais nos procesos de internacionalización. Celebrarase mañá xoves, na sede da entidade, en horario de 9:00 a 14:00 horas.

Dende a CEG salientan que a situación económica actual está a provocar que as grandes empresas non teñan a exclusividade da internacionalización e as pemes comecen a buscar na apertura de novos mercados un camiño para compensar a debilidade da demanda interior. E este proceso non afecta só a produtos e servizos, xa que implica ademais a mobilidade de persoas. Nesta liña, cómpre prestar especial atención ao cada vez maior desprazamento de traballadores e ás esixencias en materia de seguridade e saúde que se derivan desta situación. Neste eido a problemática é moi diversa, posto que depende tanto do país de destino como de cada sector de actividade.

A finalidade desta xornada é abordar as principais necesidades e problemas que poden atopar as empresas no relativo á seguridade e á saúde dos seus empregados cando desenvolven traballos no estranxeiro, así como o xeito de solucionalos. Durante o encontro trataranse tanto os desprazamentos de traballadores no marco da Unión Europea como cara a outros países.

No transcurso da xornada varias empresas de recoñecido prestixio e presenza internacional relatarán a súa experiencia neste ámbito. É o caso de Pescanova, Puentes y Calzadas ou Vodafone. Tamén se contará coa asistencia do Grupo Ramón García, especializado no deseño de establecementos comerciais, en particular das tendas de Inditex por todo o mundo.

No acto participará a Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Traballo e Benestar. Presentará as principais dificultades que existen na xestión da prevención de riscos laborais nos desprazamentos dos traballadores a outros países. Ao remate do encontro haberá un coloquio entre os expertos participantes e as empresas asistentes.

Galicia sitúase como a sexta comunidade autónoma máis exportadora

O ICEX identificou en 2011 en Galicia un total de 5.373 empresas exportadoras, entendidas como as sociedades que exportan con regularidade. Estas cifras representan un incremento do 7% con respecto ao ano anterior e case un 14% máis que en 2007. En canto ao valor das exportacións, entre os meses de xaneiro a agosto deste ano as empresas galegas exportaron produtos e servizos que lles reportaron 10.681 millóns de euros, o que supón o 7,3% das exportacións totais en España e sitúa a Galicia na sexta comunidade máis exportadora. Ao longo de 2011 o total das exportacións galegas superaron os 17.532 millóns de euros, o que implica un incremento do 17% con respecto ao exercicio anterior.

A CEG traballa na internacionalización da economía galega a través das Plataformas Empresariais no Exterior (Rede Pexga) e do seu Servizo de Licitacións Internacionais, en colaboración coa Xunta de Galicia. E tamén conta co apoio do seu Servizo de Información Comunitaria e Innovación.