A CEG participa en Bruxelas nun encontro co ministro de Industria de Uruguai e empresas do país que buscan establecer relacións comerciais con firmas europeas

comision_europeaAs compañías uruguaias están interesadas en sectores como o naval, as enerxías renovables, a biotecnoloxía, a metalurxia e as novas tecnoloxías

Están a procurar provedores, importadores, socios ou posibles investidores no país latinoamericano

A Confederación de Empresarios de Galicia participou o pasado mes de abril nunha misión comercial organizada pola Comisión Europea de Industria e Emprendemento a Brasil, Uruguai e Chile. Con motivo desta experiencia, o ministro de Industria, Enerxía e Minería de Uruguai, Roberto Kreimerman, realiza estes días unha visita oficial a Bruxelas, acompañado dunha delegación de empresarios do país, de cara a manter intercambios con empresas europeas. A CEG forma parte das entidades convidadas a este encontro.

Os empresarios uruguaios que están a participar nesta iniciativa están interesados en establecer relacións comerciais con diversos sectores, en particular con firmas farmacéuticas, biotecnolóxicas, construción naval, enerxías renovables, electrónica, metal e novas tecnoloxías. Nesta liña, o director xeral de Empresa e Industria da Comisión Europea, o español Daniel Calleja, está a promover unha serie de contactos bilaterais con representantes empresariais de distintos países da Unión Europea.

As compañías uruguaias que concurren a este encontro dedícanse a actividades tan diversas como a compravenda de maquinaria agrícola, montaxes industriais, construción  naval, biomasa, enerxía eólica, biotecnoloxía e sector servizos. Estas firmas están a buscar provedores, importadores, socios, posibles investidores e diversas vías de colaboración con empresas europeas.

A Confederación de Empresarios de Galicia, como participante nesta convocatoria, terá ademais a oportunidade de asistir a unha xuntanza co ministro de Industria uruguaio. Na mesma abordaranse os aspectos relevantes das relacións económicas e comerciais que existen entre a Unión Europea e o país latinoamericano, de cara a identificar novas oportunidades de negocio e investimento, en particular por parte das empresas galegas.

A presenza da CEG nesta iniciativa vén a reforzar o papel que a entidade está a desempeñar para impulsar a internacionalización das empresas da comunidade. É un paso importante de cara a intensificar a saída ao exterior das firmas galegas, que adquire especial relevancia nestes intres de crise económica. Nesta liña, o tecido empresarial galego conta co apoio da Rede de Plataformas Empresariais no Exterior (Rede Pexga) e do Servizo de Licitacións Internacionais (SALT), ámbolos dous proxectos postos en marcha en colaboración coa Xunta de Galicia a través do Igape.