O embaixador de México en España sinala as principais oportunidades de negocio entre México e Galicia nos sectores pesqueiro, portuario, tecnolóxico e agropecuario

embaixador_mexico_webFontenla declara que a presenza do diplomático potenciará novos lazos de colaboración co país, ao que valorou como "un socio estratéxico para Galicia"

No que vai de ano as firmas da comunidade exportaron a México produtos e servizos por valor de 56 millóns de euros

A Confederación de Empresarios de Galicia deulle esta mañá a benvida ao embaixador de México en España, Francisco Javier Ramírez Acuña, que inicia hoxe unha visita institucional na comunidade. O diplomático, acompañado polo presidente da CEG e ademais cónsul de México en Galicia, Antonio Fontenla, reuniuse nun almorzo de traballo cun grupo de empresarios de diferentes sectores no que afondaron nas oportunidades de negocio que o país ofrece ás firmas galegas. Con anterioridade, os dous voceiros ofreceron unha rolda de prensa, na que se destacaron os sectores de interese para investir en México.

Na súa comparecencia ante os medios, o embaixador salientou que “esta visita va a  intensificar las relaciones con los líderes políticos, autoridades locales y también permitirá conocer de primera mano las necesidades de los empresarios gallegos, con el objetivo de lograr acuerdos entre los dos países”. A visita do embaixador coincide coa chegada á Coruña do buque escola Cuauhtémoc, o venres 10 de agosto.

O diplomático sinalou que “la economía de Méjico presenta un gran número de fortalezas y oportunidades en diferentes sectores como el pesquero, portuario, tecnológico o agropecuario”. E sinalou que “es el único país que ha celebrado 47 tratados de libre comercio, y ya contamos con la experiencia de empresas gallegas que están trabajando en nuestra economía”.

O embaixador puxo de manifesto que México “tiene una fortaleza económica nacional de más de 166 millones de dólares, lo que representa la oportunidad de poder incluso pagar de inmediato dos veces y media más la deuda actual del país. Otra de sus ventajas es la generación de empleo, generamos más que los Estados Unidos, 800.000 puestos de trabajo al año”. Tamén resaltou que “la embajada mejicana tiene la tarea de poder contrubuir y colaborar en los difíciles momentos por los que atraviesa España y dar facilidades para las inversiones”. Desta forma, asegurou que “se ha incrementado el número de empresas mexicanas interesadas en invertir en España”.

Fontenla destaca que a delegación da Rede Pexga en México favoreceu o proceso exportador de 340 empresas galegas no último ano

Pola súa parte, o presidente da CEG e cónsul de México en Galicia, Antonio Fontenla, declarou que “México é un socio estratéxico para Galicia, en particular no ámbito económico”. E resaltou que o exemplo máis obvio e importante de como se están a fortalecer os contactos é o acordo subscrito coa petroleira mexicana Pemex, que permitirá a construción en Galicia dunha serie de remolcadores, floteis e barcos quimiqueiros. “Non me podo esquecer tampouco da posibilidade de que esta compañía instale, no Porto Exterior da Coruña, a súa base loxística en Europa” -lembrou-.

Fontenla sinalou que en Galicia existe un número importante de pemes que están a progresar na súa proxección cara este importante mercado americano. “Nos últimos anos un bo número de empresas galegas de diferentes sectores apostaron con forza polo mercado mexicano atraídas polo seu innegable dinamismo” -destacou-. Nesta liña, salientou que a CEG, a través da Rede Pexga en México, colaborou no último ano con 340 empresas galegas, axudándoas a avanzar nas súas exportacións cara México e a establecer no país unha delegación propia. Ademais, indicou que dende Galicia estase a traballar para fortalecer as relacións comerciais co país e, neste sentido, “a presenza do seu embaixador na nosa comunidade supón unha valiosa oportunidade para suscitar novos lazos de colaboración” -declarou-.

Oportunidades de negocio no país mexicano

México é un país cun importante potencial para investir, cunha economía estable e cun mercado de máis de 112 millóns de habitantes. É o país importador e exportador máis importante de América Latina, cunha ampla apertura comercial e de negocios. Ademais, o Fondo Monetario Internacional estima un crecemento económico do 4,2% para 2012, tendo en conta que a media mundial este ano será do 3,5%. Os sectores que ofrecen máis posibilidades de negocio son a construción, a automoción, a aeronáutica, a pesca e o naval, os materiais electrónicos e eléctricos, xunto co turismo.

Intercambios comerciais entre Galicia e México

Segundo datos de maio deste ano, as empresas galegas exportaron a México produtos e servizos por valor de 56,5 millóns de euros. As importacións alcanzaron os 207,5 millóns de euros, o que sitúa a taxa de cobertura no 27,21%. En canto a 2011, o volume exportado acadou os 149 millóns de euros, fronte aos 932 millóns das importacións. Galicia exporta a México en particular téxtil (48%), automóbiles (7%), mobles e iluminación (7%), xunto con maquinaria e aparatos eléctricos (6%).

México ocupa o quinto lugar das importacións galegas, por debaixo de Rusia, Alemaña, Portugal e Francia. No 2011 Galicia importou do país mexicano sobre todo combustibles (94,83%), grazas a un convenio de colaboración entre Repsol e Pemex. Os peixes, moluscos e crustáceos alcanzaron preto do 5% das importacións totais.

O ano pasado un total de 107 empresas galegas exportaron a México. Trátase en particular de adegas, firmas de alimentación (conservas, peixes e mariscos, conxelados, bebidas…), naval, cerámica, granito, madeira e téxtil.