A CEG formou esta semana a un centenar de profesionais de toda Galicia que traballan no eido da prevención de riscos laborais no seo das empresas

formacion_prl_cec_webA entidade considera unha tarefa prioritaria a mellora das condicións de traballo, así como a protección da seguridade e a saúde dos traballadores

A vindeira semana celébrase un seminario centrado na importancia da avaliación de riscos nas organizacións empresariais

Durante esta semana a Confederación de Empresarios de Galicia celebrou varias accións formativas vencelladas á prevención de riscos laborais. Nestes seminarios abordáronse aspectos tan relevantes como a coordinación de actividades empresariais, en particular a coordinación da seguridade e saúde en obras de construción. Tamén se tratou como realizar unha avaliación de riscos psicosociais no marco da empresa, a través de factores como a carga mental, a autonomía temporal, o contido do traballo, a definición de rol ou a supervisión e participación. Ademais, incidiuse na implantación de sistemas de xestión de prevención de riscos laborais e na auditoría dos mesmos.

Estes seminarios dan continuidade ás iniciativas de formación que a Confederación de Empresarios de Galicia desenvolve cada ano. O obxectivo é formar aos membros dos departamentos de prevención de riscos das empresas galegas e tamén aos traballadores interesados nestas materias específicas, coa colaboración de expertos en cada un dos diferentes aspectos que se abordan.

A formación que a CEG imparte neste ámbito combina a teoría con diferentes casos prácticos, posto que se busca unha ensinanza o máis participativa posible en cada unha das materias. Nesta liña, destaca a notable implicación dos alumnos a través de consultas, o que xera un enriquecedor debate e intercambio de opinións e experiencias.

A duración de cada acción formativa é de oito horas e desenvólvense en horario de mañá e tarde nunha mesma xornada. A media de inscritos en cada seminario é de 25 persoas, o que mostra o interese do sector empresarial en avanzar neste campo. O vindeiro xoves, 28 de xuño, celébrase unha nova xornada informativa, centrada na importancia da avaliación de riscos no seo da empresa.

Dende a Confederación de Empresarios de Galicia considérase que a mellora das condicións de traballo, así como a protección da seguridade e a saúde dos traballadores representa unha tarefa prioritaria para os empresarios. Nesta liña, a través do seu Departamento de Prevención de Riscos Laborais desenvólvese un importante labor formativo neste ámbito.