Fontenla avoga por un gran pacto de consenso para facer fronte á delicada situación económica

fontenla_APD_webMalia a liña de rescate europeo, o presidente da CEG apunta que as economías galega e española seguirán polo camiño da recesión e o paro irá en aumento

Anima ao Executivo a proseguir nas reformas que detallou no seu discurso de investidura, entre outras no eido educativo, xudicial, fiscal e enerxético

O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Antonio Fontenla, participou esta mañá na xornada promovida pola Asociación para o Progreso da Dirección (APD) baixo o título “Galicia na saída da crise. Investimento e confianza para un novo impulso”. A súa intervención centrouse na situación que están a atravesar as empresas galegas.

Fontenla cualificou o escenario actual como “o máis desolador da historia”. Nesta liña, recalcou que dende o ano 2007 o tecido produtivo galego vaise desfiañando pouco a pouco. E destacou que en 2011, por quinto ano consecutivo, reduciuse o número de empresas inscritas no Réxime Xeral da Seguridade Social, que foi de 81.125, o que representa 8.500 menos que en 2007. Pola súa parte, o número de autónomos descendeu en 22.000 efectivos dende 2008 ata xaneiro deste ano, pasando de 237.866 a 215.725.

O presidente da CEG lembrou que a ano pasado aplicáronse en Galicia 22.829 expedientes de regulación de emprego, 3.997 de extinción, 15.832 de suspensión e 3.000 de redución da xornada laboral. Ademais, 368 empresas solicitaron a suspensión de pagos, un 24,7% máis que o exercicio anterior. E no primeiro trimestre deste ano 138 empresas galegas víronse na necesidade de acudir a este proceso.

O rescate da banca: do optimismo á desconfianza

Fontenla apuntou a falta de crédito como a principal deficiencia desta crise. E referiuse a que o rescate da banca estaba chamado a marcar un punto de inflexión no proceso de recuperación da economía española. “Desgraciadamente, a non diferenciación entre risco financeiro e risco soberano propiciou o recrudecemento da tensión no mercado. Deste xeito, e a pesar do resultado pro europeo dos comicios en Grecia, a rendibilidade dos nosos bonos e a prima de risco continúan a marcar récords” -salientou-. E afirmou que “quizais a posibilidade de que se inxecten os fondos do rescate directamente aos bancos sen pasar polo Estado poida aliviar esta angustiosa situación”.

“Mantemos certas cautelas sobre un rescate que, nun principio,valorabamos como razoablemente positivo porque supoñía unha maior estabilidade para o sistema financeiro. Con todo estamos á espera de coñecer a súa letra pequena, sobre todo o volume necesario para recapitalizar o sector e o tipo de interese aplicable, dado que a magnitude destes detalles determinará en boa medida o seu impacto e eficacia -declarou o presidente da CEG-.

“A pesar da liña de crédito lanzada por Europa a nosa conxuntura seguirá polo camiño da recesión, cunhas previsións á baixa para 2012, tanto en España como en Galicia, e unhas cifras de paro aínda crecentes” -declarou-. A pesar das reformas e iniciativas impulsadas polo Goberno para paliar a crise, o presidente da CEG indicou que aínda se debe avanzar noutros ámbitos como o educativo, o xudicial, nunha reforma fiscal que nos iguale á media europea, no adelgazamento da “sobredimensionada” estrutura administrativa e tamén no campo enerxético. Nesta liña, expresou a preocupación dos empresarios polo encarecemento dos custos enerxéticos, que está a poñer en risco sectores como a produción de áridos ou a transformación de alúmina.

A importancia de avanzar na internacionalización e innovación empresarial

Ante este escenario, o presidente da CEG apuntou a internacionalización e a innovación como claves da reactivación da actividade empresarial. Abordou a necesidade de proxectarse cara novos mercados, en particular cara a aqueles países que están a experimentar “unha puxanza que caracterizou a España anos atrás”, como está a acontecer en varios países latinoamericanos.

En relación á aposta pola innovación, Fontenla sinalou a importancia de que as empresas modernicen a súa carteira de produtos. E implanten tamén a innovación na cadea produtiva e no proceso de distribución, debido a que se poden conseguir deste xeito reducións significativas de custos.

Aposta dos empresarios por un pacto de Estado

Ademais das políticas de estímulo económico, o voceiro dos empresarios galegos puxo de manifesto a necesidade de apostar por “un gran pacto de consenso” entre partidos políticos, axentes sociais e económicos para facer fronte á delicada situación económica. Nesta liña, resaltou: “atopámonos nunha situación tensa e complexa, non é momento de afondar nas diferenzas ideolóxicas, senón de promover unha unidade de acción, unha fronte común que serviría para contrarrestar as tensións e os desafíos presentes e os que nos agardan”. Fontenla indicou que este é “un sentimento xeralizado entre o sector empresarial e crecente en boa parte da nosa sociedade, polo que espero que nalgún momento prenda no noso país”.