A CEG animará aos empresarios das catro provincias a participar no mercado das licitacións públicas internacionais

onu_webNos últimos catro anos as empresas galegas conseguiron preto de cen millóns de euros neste ámbito

En 2011 o número de contratos incrementouse un 92% con respecto ao exercicio anterior, pasando de 12 a 23 adxudicacións

A Confederación de Empresarios de Galicia organiza, en colaboración co Igape, un ciclo de seminarios centrados nas oportunidades que ofrece o mercado das licitacións públicas internacionais para as empresas galegas. Desenvolveranse durante o mes de xuño nas confederacións provinciais da Coruña, Lugo e Pontevedra. Na de Ourense terá lugar en setembro.

O obxectivo desta iniciativa é achegar ás empresas da comunidade o valor destes mercados, co propósito de reforzar a presenza do tecido empresarial galego no exterior. A inscrición nestas xornadas é gratuíta e os asistentes terán a ocasión de manter unha entrevista individualizada cos expertos que interveñen en cada unha delas, mediante a solicitude dunha cita previa. Os interesados en participar nestes encontros poden consultar o programa que se vai desenvolver en cada provincia e inscribirse a través da páxina web da CEG (www.ceg.es).

Na actualidade a CEG asesora neste eido a máis de 400 empresas, que poderían alcanzar as 500 a finais de ano

Durante o ano pasado as empresas galegas conseguiron, a través do Servizo de Licitacións Internacionais da CEG, un total de 23 contratos no mercado das licitacións públicas internacionais, centrados en particular no eido da consultoría e dos servizos. Esta cifra supón un incremento do 92% con respecto ao ano anterior, no que se obtiveron 12 adxudicacións. Os contratos asinados dirixíronse aos sectores das tecnoloxías da información e as comunicacións; construción, enxeñaría e obras públicas; administracións públicas e modernización do Estado; medio ambiente, recursos naturais e cambio climático; e enerxía e minería.

Nos últimos catro anos as empresas da comunidade conseguiron preto de cen millóns de euros en licitacións. O volume de negocio acadado polas firmas galegas neste ámbito en 2011 ascendeu aos 7 millóns de euros. Destacan os resultados obtidos en 2010 (50 millóns de euros), debido a que neste exercicio boa parte dos contratos asinados estaban destinados á realización de grandes infraestruturas, con contías moi elevadas.

Segundo as previsións da CEG, ao longo deste ano poderían estar inscritas no seu Servizo de Licitacións Internacionais un total de 500 empresas galegas. Na actualidade a entidade presta os seus servizos neste campo a 433 firmas, das cales 31 incorporáronse durante o primeiro trimestre do ano.

O primeiro seminario, a vindeira semana na Coruña

O primeiro destes seminarios vaise celebrar o vindeiro xoves, 14 de xuño, na Confederación de Empresarios de La Coruña, entre as 10:00 e as 15:00 horas. Abordaranse as licitacións públicas internacionais como unha oportunidade para as empresas galegas. Impartirao Javier Vallejo Poza, que ten colaborado con multitude de empresas e institucións nos seus trece anos de experiencia asesorando e prestando apoio na preparación de licitacións internacionais de obras, enxeñaría e servizos. É tamén colaborador habitual dos programas de cooperación exterior da Unión Europea, do Banco Mundial e do Banco Interamericano de Desenvolvemento.

En Lugo, como converterse en provedor de Nacións Unidas

Na Confederación de Empresarios de Lugo tratarase como converterse en provedor de Nacións Unidas. A xornada terá lugar o 19 de xuño, de 10:00 a 15:00 horas. O relator será Juan López de Zárate, especialista no rexistro e homologación de empresas ante as diferentes axencias das Nacións Unidas; así como na captación personalizada de oportunidades de negocio e desenvolvemento de proxectos, dende a apertura ata a entrega final no destino.

En Vigo abordaranse os sectores da consultoría e das subministracións

Na sede da Confederación de Empresarios de Pontevedra, en Vigo, celebrarase o vindeiro 22 de xuño un seminario centrado nas oportunidades de negocio no mercado das licitacións internacionais, en particular no eido da consultoría e as subministracións. Será pola mañá, entre as 9:30 e as 14:30 horas. Impartirao Manuel Alonso Losada, experto individual de EuropeAid e consultor do Banco Interamericano de Desenvolvemento coas categorías de “team leader” e “key expert”. Ten executado proxectos e gañado licitacións con financiamento do Banco Interamericano de Desenvolvemento, do Banco Mundial, do Fondo Multilateral de Investimentos e da Comisión Europea.

Ourense acollerá esta xornada en setembro

Por último, na Confederación de Empresarios de Ourense abordaranse as licitacións públicas internacionais como unha oportunidade para as empresas galegas. O seminario terá lugar no mes de setembro. E o relator será tamén, como no caso da Coruña, o experto Javier Vallejo Poza.