O embaixador de Xapón sinalou esta mañá na CEG que as principais oportunidades de negocio no país sitúanse no sector agroalimentario, en particular a través de produtos como o viño, o peixe, gourmet e saudables

fontenla_satoru_webEn 2011 Galicia exportou ao país asiático produtos e servizos por valor de 61 millóns de euros, na súa maioría confección feminina e peixe conxelado

A organización galega foi convidada a participar nun comité entre empresarios de Xapón e España organizado co gallo da celebración do Ano de Xapón en España

O embaixador de Xapón en España, Satoru Satoh, presentou esta mañá na Confederación de Empresarios de Galicia as oportunidades de negocio no país para as empresas galegas. Cun PIB de 4,39 billóns de dólares, Xapón é a cuarta economía mundial, por detrás de Estados Unidos, China e India. O ano 2010 supuxo para o país o remate dun longo período de recesión, aínda que o devastador terremoto sufrido en marzo de 2011 provocou unha forte caída da actividade, que está comezando a recuperarse.

Á marxe dos temas estritamente económicos, o embaixador nipón informou ao presidente da CEG, Antonio Fontenla, da celebración en 2013 do Ano de Xapón en España. Ao fío deste evento vaise impulsar un comité bilateral entre empresas de ambos os dous países, no que a entidade foi convidada a participar. O devandito encontro terá lugar na súa primeira edición en Xapón.

Relacións comerciais de Galicia con Xapón

Dende o inicio da crise financeira internacional, os intercambios comerciais entre Xapón e Galicia foron diminuíndo de maneira significativa. Non obstante, o saldo comercial é cada vez máis favorable para Galicia, xa que as exportacións contráense en menor medida que as importacións. Así, o ano pasado a comunidade galega exportou ao país asiático produtos e servizos por valor de 61 millóns de euros e as importacións alcanzaron os 27 millóns de euros. Estas cifras sitúan a taxa de cobertura no 225%. No primeiro trimestre deste ano, as empresas galegas exportaron a Xapón produtos e servizos por valor de 16 millóns de euros e as importacións supuxeron algo máis de 4 millóns de euros. Así, a taxa de cobertura nestes primeiros meses do ano é do 407%.

Os produtos que lideran a exportación galega ao país asiático son a confección feminina, que representou un 29% do total exportado en 2011, o peixe conxelado (23%), a confección masculina (12%) e os moluscos e crustáceos conxelados (7%). Tamén están a alcanzar unha gran relevancia empresas vencelladas ao sector agroalimentario, na súa maioría adegas, xunto coa industria da madeira e do moble e o sector da pedra natural.

Relacións comerciais de Xapón con Galicia

En canto ás relacións comerciais de Xapón con Galicia, durante 2011 o país nipón exportou á comunidade galega produtos e servizos por un valor superior aos 61 millóns de euros, un 10% menos que o ano anterior. E as importacións representaron algo máis de 27 millóns de euros, un 13% menos que o exercicio anterior. Segundo estas cifras, a taxa de cobertura é do 225%.

Oportunidades de negocio para as empresas galegas en Xapón

Os sectores que presentan máis oportunidades para as empresas galegas en Xapón son o agroalimentario, en particular produtos como o viño, o peixe, produtos gourmet e os vencellados á alimentación saudable. Ademais, a occidentalización dos costumes está a darlle moita relevancia a sectores ligados ao hábitat e á moda. E agárdase o crecemento de sectores relacionados cos coidados médicos e a asistencia social, as tecnoloxías da información e as comunicacións, a biotecnoloxía, as enerxías alternativas, a distribución e a loxística. No encontro desta mañá na CEG púxose de manifesto que, á hora de exportar a Xapón, o aspecto máis valorado é a calidade do produto.

Os principais indicadores económicos de Xapón

O país asiático experimentou unha caída constante de prezos durante a última década, provocada pola recesión, o envellecemento da poboación activa e a diminución da poboación. A ratio de apertura comercial de Xapón en 2010 foi do 11,6%, o máis baixo dos países industrializados. A súa escasa apertura comercial ao exterior é o resultado do seu modelo de desenvolvemento económico e industrial. Nesta liña, produce a práctica totalidade dos produtos industriais que consume.

Segundo datos de 2010, os principais destinos de exportación de Xapón son China (19%), Estados Unidos (17%) e a Unión Europea (12,5%); mentres que a maioría das súas importacións proceden de China (22%), a Unión Europea (11%) e Estados Unidos (9%). Exporta sobre todo maquinaria non eléctrica (20,5%), maquinaria eléctrica (17%) e coches de pasaxeiros (15%). E importa combustibles minerais (31%), produtos químicos (20%) e maquinaria eléctrica (12%).

En Xapón o sector servizos aporta o 72% do PIB nacional e emprega ao 73% da poboación. Os sectores primario e secundario teñen moito menos peso na economía, co 1,5% e o 26,5% respectivamente. A pesar da súa relativa pouca importancia no tecido industrial, as industrias manufactureiras son moi competitivas e hai unha ampla gama de grandes empresas que son moi activas en exportacións e investimentos directos no exterior, en particular o sector da automoción e o sector TIC.