A crise económica reduce a mobilidade entre traballadores e empresas na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, ao diminuír o número de contratos

porto_webA CEG vén de presentar un informe sobre o mercado de traballo na Eurorrexión no que se recolle que os contratos a traballadores portugueses en Galicia, 8.598 en 2011, descenderon nun 58% dende 2007

O 52% dos contratos celébranse na provincia de Pontevedra, o 22% na Coruña, o 16% en Ourense e o 10% en Lugo

A Confederación de Empresarios de Galicia celebrou esta mañá unha xornada sobre “A mobilidade de traballadores no actual contexto económico e laboral da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal”. Durante o encontro, a CEG presentou un informe sobre o intercambio laboral na Eurorrexión en 2011, realizado pola entidade no marco da súa participación no Eures Transfronteirizo, cuxo obxectivo é informar e axudar a resolver os problemas dos traballadores e empresas que cruzan a fronteira para desenvolver a súa actividade.

Tal como se recolle no informe, na actualidade a Eurorrexión conta con 6.485.031 habitantes, dos cales o 57% (3.689.609) corresponden á rexión Norte e o 43% (2.795.422) a Galicia. Portugal é o país que máis estranxeiros aporta á comunidade galega, cun total de 22.010 habitantes, dos cales 13.960 son homes e 8.050 mulleres -segundo datos de 2011-. O número de portugueses residentes, aínda que medra menos que outros anos, segue a incrementarse, pasando de 13.224 en 2006 aos 22.010 actuais.

En Galicia a provincia na que máis portugueses residen é Pontevedra (40%), seguida de Ourense (32%), A Coruña (18%) e Lugo (10%). En canto á provincia de orixe dos galegos residentes en Portugal, Pontevedra é a que conta con máis cidadáns vivindo no país veciño (65%), seguida de Ourense (18%), A Coruña (14%) e Lugo (3%).

O mercado de traballo

A poboación activa en Galicia era de 1.313.000 persoas no último trimestre do ano pasado, mentres que na rexión Norte esta cifra ascende a 1.989.000 persoas. A taxa de actividade era do 55,3% en Galicia e do 62,6% en Portugal. E mentres a taxa de paro na comunidade galega se situaba no 18,3%, na rexión Norte era do 14,1%.

Como no caso da poboación residente, Portugal é o país de orixe que aporta máis traballadores contratados en Galicia, seguido a moita distancia de Colombia, Romanía ou Brasil. Respecto aos contratos laborais a estranxeiros na comunidade galega, o ano pasado houbo un total de 8.598 contratos de traballo a portugueses en Galicia, dos cales 6.485 eran homes e 2.113 mulleres. O 52% dos contratos celebráronse na provincia de Pontevedra, 22% na Coruña, 16% en Ourense e 10% en Lugo.

O número de contratos a traballadores portugueses en Galicia foise incrementando dende 2002 ata 2007, de 4.310 a 20.644 contratos, comezando a caer de maneira significativa a partir dese ano, cun descenso do 58% no número de contratos. O sector máis importante no que se empregan os traballadores portugueses en Galicia é o da construción e as actividades vencelladas ao mesmo (2.539 traballadores), a pesar de terse reducido de xeito significativo nos últimos anos. Séguelle a hostalaría, con 1.250 traballadores e o transporte de mercadorías por estrada, con 819 traballadores.

O informe elaborado pola CEG incorpora os afiliados á Seguridade Social española de nacionalidade portuguesa por grupo de cotización e provincia. Así, dos 8.683 afiliados, 4.204 sono na provincia de Pontevedra. E o grupo de cotización máis numeroso é o relativo aos oficiais de primeira e segunda, seguidos dos oficiais de terceira e especialistas e dos peóns. En canto aos españois que declaran remuneracións na rexión Norte, o 40% fano en Porto, o 34% en Viana do Castelo e o 17% en Braga.

Redúcese o número de traballadores fronteirizos

En Galicia hai 922 traballadores portugueses que residen en Portugal e traballan na comunidade galega, dos cales o 86% están rexistrados en Pontevedra. A tendencia é decrecente dende 2007, ano no que había rexistrados 2.107 traballadores. Pola súa parte, en Portugal figuran 624 traballadores españois que residen en España e traballan no país luso, dos cales o 75% fano en Viana do Castelo. A tendencia dende 2009 é crecente, posto que ese ano había 424 traballadores rexistrados.

Traballadores desprazados

Respecto aos traballadores enviados polas súas empresas para exercer a súa actividade nun país distinto a onde teñen a sede social, o ano pasado desprazáronse de Portugal a Galicia un total de 4.095 traballadores. Fixérono, na súa maioría ás provincias de Pontevedra e A Coruña (37% nos dous casos), seguidas a moita distancia de Lugo (15%) e Ourense (11%). En canto aos traballadores desprazados de Galicia a Portugal, na súa maioría traballadores por conta allea, en 2011 ascenderon a 2.023, cifra moi similar á de anos anteriores. Destes, o 54% procedían da provincia da Coruña, o 37% de Pontevedra, o 7% de Ourense e o 2% de Lugo.

En canto aos traballadores portugueses, en 2011 desprazáronse a Galicia un total de 1.267, na súa maioría con destino ás provincias de Pontevedra (45%) e A Coruña (33%), seguidas de Ourense (16%) e Lugo (6%). Procedían en particular de Porto (42%), Braga (38%) e Viana do Castelo (20%). A duración media dos desprazamentos de traballadores portugueses a Galicia está entre os 220 días da provincia da Coruña e os 133 de Ourense.