A CEG certifica a calidade dos servizos que presta ás empresas, ás organizacións e aos traballadores

iso_9001_2008Recibiu esta mañá a certificación ISO 9001:2008, segundo Fontenla “un logro á excelencia e profesionalidade” que a entidade atesoura logo de 30 anos ao servizo do sector empresarial en Galicia

A Confederación de Empresarios de Galicia certifica a calidade da xestión de todos os servizos empresariais que presta a organizacións, empresas e traballadores. Tras un período de adaptación ás normas do sistema de xestión ISO 9001:2008, a CEG recibiu esta mañá, de mans do director da Axencia Noroeste de Bureau Veritas, José Manuel Sánchez, o documento acreditativo deste recoñecemento.

No transcurso deste acto, o presidente da CEG, Antonio Fontenla, explicou que este certificado recoñece “a excelencia e a profesionalidade” que a organización empresarial atesoura despois de tres décadas ofrecendo os seus servizos ás empresas galegas. Así mesmo, lembrou que “este logro supón un punto e seguido no labor de mellora continua á que comprometen os estándares de calidade adoptados”.

Con esta certificación dos seus servizos, a entidade dá un importante paso adiante de cara a satisfacer da mellor maneira posible as necesidades dos seus usuarios, en particular empresas e organizacións empresariais. Pero, ademais, representa un avance moi positivo na atención aos traballadores que acceden aos seus servizos, xa sexa para participar nos seus diversos actos ou para resolver algunha consulta.

Dentro das medidas implantadas pola certificación, a CEG estableceu un procedemento de análise das opinións e comentarios dos seus clientes. Isto garante a mellora continua no servizo que presta a entidade e, á súa vez, permite obter información para adaptar e incorporar novos servizos de interese para os usuarios.

O alcance desta acreditación engloba os servizos prestados en todas as áreas: Servizo de Información Comunitaria e Innovación (SICI); Servizo de Licitacións Internacionais (SALT); Departamento de Asesoría Xurídica e Relacións Laborais; Departamento de Prevención de Riscos Laborais; Servizo de Formación, Orientación e Emprego (SERFOE); Servizo de Normalización Lingüística (SNL); e Comunicación.