A embaixadora de Turquía en España sinala que o téxtil, a alimentación, a automoción e a maquinaria poden impulsar o comercio bilateral con Galicia

embajadora_turquia_webO presidente da CEG destacou que o mercado turco ofrece “proveitosas oportunidades” para Galicia no ámbito das infraestruturas e da loxística

En 2011 as empresas galegas exportaron bens e servizos por valor de 361 millóns de euros, en particular automóbiles, que representaron un 66% do total

A Confederación de Empresarios de Galicia acolleu esta tarde unha xornada centrada nas oportunidades de negocio en Turquía. Asistiron á inauguración o presidente da CEG, Antonio Fontenla; o conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra; e a embaixadora de Turquía en España, Ayşe Sinirlioğlu. Expertos da oficina comercial da embaixada turca en España deron a coñecer aos  empresarios galegos as oportunidades para o desenvolvemento de negocios no país. Pola súa parte, o director da Rede de Plataformas Empresariais no Exterior de Galicia (Pexga), Armando Villanueva, e o director da oficina da Rede Pexga en Turquía, Javier Paredes, abordaron o apoio á internacionalización neste país. Ademais, presentáronse varios casos de éxito de empresas galegas que decidiron lanzarse ao mercado turco.

Durante a súa intervención, a embaixadora resaltou que a finais de 2011 o comercio bilateral entre Galicia e Turquía alcanzou os 685 millóns de euros. “Ésta es una cifra que es preciso incrementar aún más. Las exportaciones a Turquía de Inditex suponen una parte considerable de nuestro comercio, mientras que el sector del automóvil constituye la parte más importante de nuestras importaciones” -indicou-.

“Considero que una colaboración estrecha entre nuestros dos países sería útil para diversificar los productos de nuestro intercambio comercial. Los electrodomésticos, el textil, la alimentación, el automotriz y la maquinaria se muestran  como los principales sectores susceptibles de impulsar aún más el comercio bilateral entre Turquía y Galicia” -asegurou a embaixadora-. Ademais, no eido das infraestruturas prevese un investimento de 260 mil millóns de euros ata 2023 e preténdese que nos vindeiros anos o sector industrial cobre  máis peso específico. A embaixadora apuntou que o Goberno turco fixouse uns obxectivos ambiciosos para 2023, en particular a fabricación de automóbiles e avións propios.

Sinirlioğlu sinalou que Turquía está a experimentar un rápido progreso industrial nos últimos anos. Así, a súa taxa de crecemento alcanzou o 9% en 2010 e o 8,5% en 2011 e prevese unha taxa de crecemento media en torno ao 7% ata o 2016. A embaixadora salientou que o país turco continúa avanzando para configurarse como centro de produción de toda a rexión euroasiática, o que representa para as empresas unha importante plataforma de lanzamento para  acceder ás rexións do seu contorno que teñen un gran potencial. “ En esta época que atravesamos, podemos convertir la crisis en oportunidades mediante el desarrollo de nuestra colaboración” -manifestou-.

Fontenla animou ás empresas galegas a aproveitar as oportunidades que ofrecen mercados en auxe como o turco, a través dos servizos da Rede Pexga

Pola súa parte, o presidente da CEG, Antonio Fontenla, lembrou que a Rede de Plataformas Empresariais no Exterior (Rede Pexga) tamén está presente cunha oficina en Estambul. E destacou que as relacións comerciais entre Galicia e Turquía están a experimentar unha tendencia crecente nos últimos anos. As exportacións téñense triplicado dende o ano 2002 e as importacións presentan un comportamento similar. Así, o ano pasado Galicia exportou bens e servizos por valor de 361millóns de euros e realizou compras por valor de 324 millóns de euros. A balanza comercial é, por tanto, favorable para Galicia, cun saldo de 37,5 millóns de euros, o que representa unha taxa de cobertura do 111%.

As exportacións de Galicia a Turquía céntranse sobre todo en vehículos de automoción, que representaron un 66% do total en 2011, seguido por material eléctrico, téxtil e pedra. En canto ás importacións, algo máis do 80% corresponde a produtos textís, seguidos a distancia pola fundición, o aluminio, xunto con aparatos e material eléctrico.

“A pesar destas cifras e da tendencia que se constata, o volume do comercio bilateral está chamado a cobrar un maior brío” -declarou Fontenla-. Nesta liña, destacou o desenvolvemento económico que está a protagonizar Turquía e as oportunidades de negocio que suscita un mercado de 74 millóns de habitantes. “Fronte á nosa difícil situación, Turquía está a gozar dun dinamismo inaudito” -salientou-.

O representante dos empresarios galegos puxo de manifesto que “o mercado turco ofrece proveitosas oportunidades tanto de negocio como de investimento, en particular no ámbito das infraestruturas e da loxística”. Ademais, a xeración de enerxía renovable e as posibilidades da economía verde son outros elementos de interese; xunto con sectores como o agrícola, a automoción, os materiais de construción, o químico, a subcontratación industrial en xeral, o téxtil e o turismo.

En relación ás empresas galegas, Fontenla declarou que “resulta evidente que existen opcións de ampliar a base de colaboración actual. Inmersa como está a nosa economía nunha das crises máis agudas da súa historia, cómpre aproveitar as oportunidades que nos brindan outros mercados, de maneira especial aqueles que están a experimentar unha maior efervescencia como é o caso de Turquía”. E lembrou que, “para avanzar neste esforzo, as empresas galegas poden contar coa axuda da CEG e da Consellería de Economía, coa que colaboramos en importantes programas de internacionalización como a Rede Pexga ou o Servizo de Licitacións Internacionais”.