O responsable europeo das pemes manifesta no seu encontro con empresarios galegos o compromiso da Comisión Europea para activar políticas de crecemento

Resaltou tamén que antes de que remate o ano entrará en vigor o novo criterio de pago do IVE

O presidente da CEG demanda que dende Europa se promovan políticas de desenvolvemento industrial e de estímulo do contorno empresarial

Coincidindo co Día de Europa, o director xeral de Empresa e Industria da Comisión Europea, o español Daniel Calleja Crespo, participou esta mañá nunha xornada na Confederación de Empresarios de Galicia, organizada pola Dirección Xeral de Exteriores en colaboración coa organización empresarial galega. Na súa intervención abordou a política europea de apoio aos emprendedores e ás pemes. Unha vez finalizado o acto, que clausurou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, mantivo un encontro co Consello Asesor da CEG, conformado por un nutrido grupo de representantes empresariais.

Ademais de director xeral de Empresa e Industria da Comisión Europea, Daniel Calleja sustenta tamén o cargo de Mr. Peme, que o habilita como responsable da protección e desenvolvemento das pequenas e medianas empresas. No encontro que mantivo cos empresarios galegos deu a coñecer as políticas que se queren impulsar dende Bruxelas para reverter o difícil momento que atravesan as empresas. Segundo as súas cifras, dende decembro de 2007 ata outubro de 2011 desapareceron en España 177.000 empresas e, entre marzo do 2008 e do 2011, 375.000 autónomos. “Las pymes han sido las grandes víctimas de la crisis. Queremos que sean las primeras en salir de ella”. Nesta liña, indicou que en Europa se está a traballar en torno a tres grandes prioridades: o saneamento das contas públicas, o reforzamento dos mecanismos da zona euro e a activación de políticas de crecemento. En relación a este aspecto, declarou que se está a avanzar na creación dunha política industrial común, “que permita recobrar el tejido productivo y tener una estrategia única”.

Calleja sinalou que a Comisión Europea está a poñer en marcha unha serie de liñas de acción para mellorar a situación económica actual. Así, referiuse á importancia de apostar pola competitividade, a innovación, a internacionalización e o apoio ás pemes e aos emprendedores, xa que destacou que o 85% dos novos postos de traballo estanos a xerar as pequenas e medianas empresas. E, neste eido, anunciou que Galicia é a primeira rexión da Unión Europea que vai ter un Mr. Peme rexional, trala designación como tal do actual director do Igape, Javier Aguilera.

O mandatario europeo fixo especial fincapé na necesidade de recuperar o espírito empresarial e apoiar aos xóvenes emprendedores, xa que asegurou que neste ámbito “en Europa las cifras son desastrosas”. E incidiu tamén na urxencia de traballar no relativo á sucesión familiar no eido empresarial, posto que a meirande parte das empresas pechan por non ter continuidade. Segundo as súas cifras, cada ano desaparecen en Europa 150.000 empresas por esta causa, o que representa una perda de 600.000 empregos.

Poderase abrir unha empresa en só 3 días cun custo máximo de 100 euros

Na xornada da mañá, o alto representante europeo sinalou que, en relación ás pemes, estase a avanzar para reducir a burocracia, facilitar o acceso ao financiamento, ademais de fomentar a súa internacionalización. No relativo á burocracia, indicou que xa se teñen reducido nun 25% as cargas administrativas e o obxectivo de Bruxelas é estender esta política aos Estados membros, de maneira que se poida abrir unha empresa en só tres días cun custo máximo de 100 euros. Ademais, a Comisión propuxo aos Estados eximir ás microempresas de taxas administrativas.

En canto o acceso ao financiamento, Calleja anunciou que se van introducir instrumentos regulamentarios para reducir a morosidade das administracións. Así, a partir de marzo de 2013 tódalas administracións da UE estarán obrigadas a pagar en 30 días. E resaltou tamén que se está a traballar para modificar o criterio de devengo de pago do IVE polo de entrada en caixa, medida que entrará en vigor antes de que remate o ano. Respecto á internacionalización, apuntou que se está a avanzar nunha ordenanza europea para facilitar o pago das débedas transfronteirizas e adiantou tamén que se tratará de harmonizar o imposto de sociedades.

Fontenla lembra que Galicia leva 19 meses consecutivos de caída da súa produción industrial

Pola súa parte, o presidente da CEG, Antonio Fontenla, manifestou que “hai unha conciencia e unha demanda xeralizada de que dende Europa se impulsen políticas a favor da dinamización económica”. Nesta liña, declarou que “son imprescindibles as medidas de austeridade adoptadas, de reaxuste do gasto público á realidade das contas porque só unhas administracións saneadas, que alonxen toda incertidume sobre a súa viabilidade futura, traerán a necesaria calma aos mercados. Pero, á vez, é necesario certo estímulo para arrancar de novo o motor nestes intres parado da nosa economía”. Así, destacou a importancia de que dende Europa se promovan políticas de desenvolvemento industrial e de estímulo do contorno empresarial. Fixo fincapé no dato de que Galicia leva 19 meses consecutivos de caída da súa produción industrial.

Fontenla, declarou que “os empresarios saudamos de maneira positiva o compromiso plasmado por escrito pola Comisión Europea a través da chamada Small Business Act, coñecida tamén como a Lei das Pemes”. E, neste marco, sinalou que resulta “de máxima urxencia” facilitar o acceso ao financiamento, “a principal das deficiencias que impón esta crise”. Tamén salientou a importancia de desenvolver un marco xurídico e empresarial que propicie a actividade empresarial, así como a necesidade de reforzar a innovación e a presenza exterior das pemes.