Os empresarios piden que se simplifique a normativa que regula a prevención de riscos laborais

Agora son os empresarios e non os traballadores quenes, ante un accidente laboral, están obrigados a demostrar a adopción de medidas necesarias para previr ou evitar o risco

O presidente da CEG, Antonio Fontenla, destacou que as empresas galegas, debido ao seu pequeno tamaño, necesitan máis apoio neste eido

A Confederación de Empresarios de Galicia celebrou esta mañá unha xornada sobre prevención de riscos laborais. Inauguraron o acto a  conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e o presidente da CEG, Antonio Fontenla. Na súa intervención, o presidente da CEG manifestou “a necesidade de simplificar e flexibilizar a normativa de prevención, de maneira que se facilite a súa aplicación e se eviten os obstáculos que dificultan a prestación de servizos nesta materia”. En relación a estes obtáculos, fixo referencia ao Real Decreto 404/2010, que regula a redución das cotizacións por continxencias profesionais ás empresas que contribúen á diminución da sinistralidade laboral. “A complexidade á hora de acreditar os requisitos necesarios, ten levado a moitas pequenas empresas a renunciar á súa aplicación” -declarou-.

O responsable da CEG destacou tamén o caso do Real Decreto 843/2011, polo que se establecen os criterios básicos sobre a organización de recursos para desenvolver a actividade sanitaria dos servizos de prevención, e que establece os ratios de equipos humanos e dotacións cos que deben contar estes servizos. En relación a este aspecto, Fontenla resaltou que “esta norma supón un incremento de custos para as empresas, debido ás dificultades de atopar nos servizos de prevención os equipos humanos necesarios, en particular especialistas en medicina do traballo, o que provoca dificultades para a prestación do servizo”.

Debido a estes obstáculos, a CEG instou a que, a través do Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral, se apliquen criterios de flexibilidade neste eido. “Desexamos que a solución proposta se poida consensuar en breve, co fin de dotar da necesaria seguridade xurídica aos distintos operadores e empresas” -salientou-.

As principais preocupacións dos empresarios

Fontenla destacou que, no eido da prevención, ás empresas preocúpanlles catro aspectos de maneira particular. En primeiro lugar, referiuse á extensión da responsabilidade en materia de prevención de riscos laborais, pois “observamos unha tendencia progresiva de ampliación dos seus ámbitos”. Outra das preocupacións dos empresarios é o descoñecemento dos límites que teñen as empresas para o control de determinadas circunstancias, como as adicións ou o consumo de certas substancias. En terceiro lugar, o presidente da CEG fixo referencia á “excesiva acumulación de responsabilidades no empresario, que, na nosa opinión, deberían delimitarse”. E, por último, sinalou que no ámbito penal debería asegurarse a aplicación efectiva do principio de mínima intervención, ponderando de maneira especial o resultado.

A Lei 36/2011, reguladora da xurisdición social

No marco desta xornada abordouse a trascendencia da Lei 36/2011, reguladora da xurisdición social, en concreto os aspectos que inciden no eido da prevención de riscos laborais e a canle xudicial que deben seguir as reclamacións relacionadas cos accidentes de traballo. En relación a esta lei, Fontenla destacou a relevancia do artigo 96, o que cualificou de “polémico”. “Agora, ante un accidente laboral, é o empresario e non o traballador o que está obrigado a demostrar a adopción das medidas necesarias para previr ou evitar o risco. Introdúcese así unha errónea  presunción de falta de medidas preventivas por parte do empresario, considerando que non poderá apreciarse como elemento exonerador a culpa non temeraria do traballador nin a que responda ao exercicio habitual do traballo ou á confianza que este inspira”.

O presidente da CEG destacou que a estrutura produtiva galega, composta na súa maioría por pemes, obriga a realizar un traballo de apoio e de asistencia máis concienzudo neste eido, xa que se trata de empresas que, pola súa exigua dimensión, presentan maiores dificultades para acceder á información e á asistencia técnica en materia de prevención de riscos laborais. “Temos unhas bases importantes nas que fundar este apoio ao noso tecido produtivo” -declarou Fontenla-. Nesta liña, referiuse ao Plan estratéxico para a prevención de riscos laborais en Galicia 2011-2014, que foi acordado no marco do proceso de Diálogo Social. E apuntou que o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) debe ser a base sobre a que se asenten os programas de apoio ás empresas.

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, salientou a redución das cifras de sinistralidade laboral en Galicia

Na súa intervención, a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, manifestou o seu “compromiso por seguir traballando na implantación dunha prevención eficaz na nosa sociedade”. E indicou que a través do ISSGA están previstas un total de 72 actividades preventivas que se desenvolverán ao longo deste ano, destinadas a facer fronte á sinistralidade laboral en Galicia. Salientou ademais que a sinistralidade laboral diminuíu en Galicia un 16,5% no primeiro trimestre de 2012, o que supón 1.346 accidentes menos en relación ao mesmo período do pasado ano (6.650 fronte a 7.996).