O presidente da CEOE asistirá, na súa primeira visita oficial a Galicia, ao Foro Empresarial que organiza a Confederación de Empresarios de Galicia

rosell_ceoe_webO presidente do Instituto de Estudos Económicos, José Luis Feito, abordará a situación económica actual e a previsión para os vindeiros anos

Tratarase tamén a reforma laboral, o novo panorama financeiro e as estratexias para reactivar a economía que manexa a Unión Europea

O Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, acolle a vindeira semana, o mércores 9 de novembro, o Foro Empresarial – Claves para a Recuperación Económica, que organiza a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) como acto central do seu 30 aniversario. Durante o encontro, que reunirá a unha elevada representación do empresariado galego, analizarase a eficacia das medidas adoptadas ata o momento para facer fronte á crise e presentaranse unha serie de propostas para a reactivación da economía.

O foro contará coa presenza do presidente da CEOE, Juan Rosell, na que será a súa primeira visita institucional a Galicia. E na sesión de clausura agárdase tamén a asistencia do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, xunto co presidente da CEG, Antonio Fontenla.

No encontro intervirán figuras relevantes do ámbito económico nacional e europeo. É o caso do  presidente do Instituto de Estudos Económicos e responsable da Comisión de Política Económica e Financeira da CEOE, José Luis Feito Higueruela. O seu relatorio centrarase en analizar a situación económica actual en España, ao tempo que avanzará unha previsión para os vindeiros anos. Este experto goza dunha dilatada experiencia profesional. Traballou no Ministerio de Economía e Facenda, no Fondo Monetario Internacional e no Banco de España, entre outros organismos. Tamén foi embaixador de España ante a OCDE en París. Ademais, na actualidade é presidente de ASETA (Asociación de Sociedades Españolas Concesionarias de Autopistas, Túneles, Puentes y Vías de Peaje) e presidente de ASECAP (Asociación de Autopistas Europeas).

A reforma laboral pendente

O vicepresidente da CEOE e presidente da Confederación de Empresarios de Andalucía, Santiago Herrero León, abordará “a reforma laboral pendente”. No campo da negociación colectiva, ten participado nos máis importantes convenios da provincia sevillana e nos sucesivos procesos de concertación social acaecidos en Andalucía cos distintos Gobernos rexionais e cos sindicatos maioritarios. É ademais notable do Consello Superior de Cámaras de Comercio e membro dos consellos asesores de empresas como Siemens, Telefónica ou Mapfre.

Durante o foro tratarase tamén o novo entorno económico e financeiro. José Luis de Mora Gil-Gallardo, director de Desenvolvemento Corporativo do Grupo Santander, achegarase ao proceso de restruturación que está a atravesar o sistema financeiro e referirase así mesmo ás restricións de crédito que padecen as empresas. Dende o ano 2003 está encargado da planificación estratéxica do Grupo Santander. Entre a súa ampla experiencia profesional destaca o seu labor no departamento de microeconomía do Banco de España.

As estratexias da Unión Europea para reactivar a economía

Por outro lado, durante o foro abordaranse as estratexias da Unión Europea para reactivar a economía. Nesta liña, intervirá José Manuel García-Margallo y Marfil, deputado do Parlamento Europeo dende 1994 e vicepresidente da Comisión de Asuntos Económicos e Monetarios. É ademais presidente da Delegación para as Relacións cos Países da Comunidade Andina. Entre os cargos que ten ocupado ao longo da súa traxectoria profesional, cómpre citar que foi director xeral de Desenvolvemento Comunitario do Ministerio de Cultura.

O presidente dos empresarios portugueses presentará a situación que está a vivir o país veciño

Como exemplo dunha economía intervida, presentarase a situación que están a vivir as empresas portuguesas. O presidente da Associação Empresarial de Portugal (AEP), José António Ferreira de Barros, mostrará os estritos requerimentos fiscais e regulatorios que están a padecer os empresarios do país veciño. Barros foi un dos promotores do sistema portugués de Garantía Mutua. Na súa traxectoria destaca o feito de que é cofundador e membro do Consello Xeral do Banco Portugúes de Investimento. Participa en diversas sociedade de capital risco.