A Confederación de Empresarios de Galicia cumpre 30 anos ao servizo das empresas da comunidade

    fontenla_webO seu presidente, Antonio Fontenla, valora a importante transformación que experimentou a economía galega e o seu tecido produtivo
A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) cumpre trinta anos de servizo en favor das grandes, pequenas e medianas empresas da comunidade. Naceu en 1981, tralo acordo das catro confederacións provinciais de empresarios, meses antes da celebración das primeiras eleccións ao Parlamento de Galicia. O seu obxecto é fomentar o sistema de iniciativa privada e a economía de mercado, promover a unidade e a integración empresarial, representar os intereses xerais do empresariado e impulsar o desenvolvemento económico de Galicia.

Ó longo deste trinta anos, a organización empresarial acompañou o tecido produtivo na importante transformación que este experimentou. “Galicia pasou de ser unha comunidade en desenvolvemento, cun gran peso do sector agrícola, a ser unha comunidade volcada nos servizos e cun maior peso industrial”, segundo a análise do presidente da CEG, Antonio Fontenla. A distribución sectorial do número de traballadores confirma esta valoración. Así, en 1981, 439.652 galegos traballaban no campo, fronte ós 86.600 que o fan hoxendía. Os servizos, polo contrario, duplicaron o seu número de efectivos, pasando de 353.775 a 737.200 traballadores.

“Nestas tres décadas as empresas galegas, malia estaren inmersas agora mesmo na crise máis profunda das que se recordan, experimentaron unha importante evolución”, engade Fontenla. “Non obstante, arrastramos algúns dos problemas que xa estaban presentes cando naceu a CEG, como a excesiva atomización do tecido productivo ou a escasa produtividade”. “Outros -continúa- fóronse encamiñando, como a desproporcionada inflación que soportaba a economía”. O Índice de Prezos ao Consumo en Galicia era do 15,6 % en 1981. Nestes intres a variación interanual sitúase no 3,4 %.

As cifras de desemprego

Pero tamén hai algunhas deficiencias que se agravaron neste período, ata o punto de convertérense en debilidades estruturais da economía, como é o comportamento do mercado laboral. Hai trinta anos en Galicia había 70.950 parados, o que representaba unha taxa de paro do 6,12%. Nestes intres a cifra de desempregados na comunidade galega elévase a 226.500 persoas, cunha taxa de paro do 17,25%. “Os datos da última EPA confirman o rotundo fracaso da reforma laboral aprobada polo Goberno”, valora Fontenla para salientar que “cómpre modernizar, a través dun amplio pacto, unha normativa laboral deficiente para propiciar a creación de novo emprego”.

No ano 1981, Galicia aportaba ao Produto Interior Bruto 1.045.348 pesetas. Esta cifra representaba o 6,13 % do total nacional, unha porcentaxe que se minorou ata o 5,2% en 2010, cunha aportación de 55.631.002.000 euros. Todo isto malia o gran volumen de axudas que a comunidade recibiu da Unión Europea.

A integración europea é, precisamente, un dos “fitos históricos” que viviron as empresas galegas nestas últimas décadas. Para o titular da CEG, “o proxecto comunitario, ó que Galicia se incorporou cinco anos despois de fundarse a organización empresarial, supuxo unha importante fonte de oportunidades para o tecido produtivo galego”. “Entre outros eidos -detallou-, a internacionalización da súa actividade”.

“Con todo, a vocación exterior é unha realidade que se consolidou ó longo dos últimos anos”, afirma Fontenla. “A comezos dos oitenta a dependencia exterior era maior, tal como o proba a taxa de cobertura, que rondaba o 70%”. O volume do comercio exterior no primero semestre deste ano dá conta dun saldo favorable de 126% para Galicia. “En canto á innovación -segue o presidente da CEG- é unha aposta da que tardaría en falarse e incorporarse ós procesos empresariais”.

Unha organización volcada en ofrecer servizos ás empresas

A CEG esforzouse, ó longo das últimas tres décadas, en proporcionar ás empresas, sobre todo ás pemes, a maioría do tecido productivo galego, aqueles servizos que lles permitiran competir con garantías nos mercados nacionais e internacionais: formación de traballadores, mandos intermedios e directivos; asesoramento xurídico e económico-financeiro; relacións laborais… Tamén ofreceu información sobre incentivos, programas de cooperación e innovación e mercados públicos, pertencentes a institucións públicas ou privadas de carácter rexional, nacional e internacional.

Os diferentes estudos, xornadas formativas, cursos e congresos organizados pola CEG, así como a oferta da formación necesaria para elaborar as estratexias empresariais axeitadas, aportaron un alto nivel de seguridade aos proxectos nacionais e internacionais das empresas galegas.

Nestes trinta anos tamén se traballou no eido da promoción do autoemprego, asistindo aos emprendedores para a creación de novas empresas. Así mesmo, proporcionouse formación ocupacional e continua, ademais da xestión de prácticas en empresas.

Ó longo dos últimos anos, a CEG, consciente da necesidade urxente de reforzar a presenza exterior das empresas galegas, abriu novas áreas de traballo. Nesta liña, está a afondar nas oportunidades de negocio que representan as licitacións dos organismos públicos internacionais. Tamén está a desplegar, en colaboración coa Administración galega, unha rede de plataformas empresariais en catorce países para apoiar a acción das empresas en destino.