A Confederación de Empresarios de Galicia celebra o seu 30 aniversario cun foro no que se presentarán as claves para a recuperación económica

rueda_fontenla_webContará coa presenza do presidente da CEOE, Juan Rosell, na súa primeira visita institucional a Galicia

A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) celebra este ano o seu 30 aniversario. No marco dos actos conmemorativos, a entidade vai organizar o Foro Empresarial – Claves para a Recuperación Económica, o vindeiro 9 de novembro no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela. O presidente da CEG, Antonio Fontenla Ramil, presentou o evento esta mañá en rolda de prensa.

Durante a súa intervención, Fontenla cualificou este foro como un “acto de traballo” e destacou que contará cun “amplo respaldo empresarial e coa intervención de destacadas personalidades”. Nesta liña, resaltou a presenza do presidente da CEOE, Juan Rosell, na que será a súa primeira visita institucional a Galicia. No encontro participará tamén o presidente do Instituto de Estudos Económicos, José Luis Feito, quen realizará unha análise da situación económica actual e unha previsión dos vindeiros anos.

Pola súa parte, o presidente da Comisión de Relacións Laborais da CEOE, Santiago Herrero, falará, tralo “rotundo fracaso do marco laboral aprobado hai algo máis dun ano polo Goberno”, da reforma laboral pendente -tal como indicou Fontenla-. Ademais, está previsto un relatorio centrado no proceso de restruturación que está a atravesar o sistema financeiro e na análise da falta de financiamento que padecen as empresas, para o que se contará coa intervención de José Luís de Mora Gil-Gallardo, director de Desenvolvemento Corporativo do Grupo Santander.

“Na seguridade de que parte das solucións ante a crise deben adoptarse no ámbito comunitario, convidamos a participar neste foro a José Manuel García-Margallo y Marfil, deputado do Parlamento Europeo e membro da Comisión de Asuntos Económicos” -anunciou o presidente da CEG-, quen tratará as estratexias da Unión Europea para reactivar a economía.

A situación das empresas portuguesas nunha economía intervida

O foro contará coa participación do presidente da Associação de Empresarios de Portugal (AEP), José Antonio Barros, quen trasladará a realidade que están a vivir as empresas portuguesas ante un escenario complexo como é unha economía intervida. “Nada pode ser máis interesante para o tecido empresarial galego que coñecer as implicacións dos duros condicionantes fiscais, regulatorios... que padecen os nosos colegas portugueses” -manifestou Fontenla-.

No marco deste encontro, a CEG realizará ademais unha homenaxe ao presidente fundador da entidade, Álvaro Rodríguez Eiras. E na sesión de clausura agárdase a presenza do presidente da CEOE, Juan Rosell, e do titular da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.

“Este foro segue -en palabras do presidente da CEG- a liña marcada por esta organización dende a súa fundación, en 1981, de intentar aglutinar e dar voz aos intereses do empresariado galego”. E apuntou que “con este tipo de actos pretendemos reforzar as xustas reclamacións e pareceres dos empresarios, facer públicas as pertinentes queixas e demandas”. Nesta liña, declarou que “mostraremos a nosa preocupación pola deterioración que está a sufrir o tecido produtivo, analizaremos o impacto que, na actividade empresarial, están a ter algunhas das medidas de recente aprobación e reiteraremos as claves que consideramos necesarias acometer para  recuperar a economía”.

Audiencia co Príncipe de Asturias e visita ao Parlamento Europeo

A Confederación xa vén celebrando o seu 30 aniversario ao longo de todo o ano con diferentes iniciativas. Así, o pasado mes de xuño, a súa Xunta Directiva tivo unha audiencia no Palacio de La Zarzuela co Príncipe de Asturias, na que Don Felipe de Borbón lles trasladou a súa profunda preocupación pola complicada situación que está a atravesar a economía e o impacto que conleva en traballadores e empresas, ao tempo que se interesou por algún dos temas que acaparaban a actualidade neses intres como o proceso de negociación colectiva.

Así mesmo, a comezos de outubro, a Xunta Directiva viaxou a Bruxelas, onde mantivo un completo programa de encontros e reunións, como a xuntanza celebrada cunha nutrida representación de eurodiputados do Parlamento Europeo. O presidente da CEG destacou en particular a reunión cos responsables da Comisión Europea para defender e apoiar o sector naval galego ante o bloqueo do réxime fiscal que viña aplicando, o “tax lease”. Nesta liña, afirmou que “non se me ocorre un mellor exemplo do papel que ocupa a esta organización, que é o de defender os intereses das empresas galegas”.

Trinta anos de servizo ás pequenas e medianas empresas galegas

A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) constitúese en 1981 tralo acordo das catro confederacións provinciais de empresarios. Nace co obxecto de fomentar o sistema de iniciativa privada e a economía de mercado, promover a unidade e a integración empresarial, impulsar o desenvolvemento económico de Galicia e representar os intereses xerais do empresariado. A CEG, como órgano representativo dos empresarios galegos, agrupa a máis de 100.000 empresas, na súa maioría pemes, a través das 300 asociacións que integra.