O dinamismo económico e as vantaxes tributarias converten a Colombia nun destino “estratéxico” para os investimentos exteriores das empresas galegas
- Detalles
- Categoría: Cámara Santiago
- Published: Xoves, 25 Setembro 2014 14:49
- Escrito por Eva
- Visitas: 645
A Cámara de Comercio de Santiago celebrou unha xornada informativa na que participaron dezasete firmas
Viaxará ao país latinoamericano en misión comercial do 23 ao 30 de novembro
A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela celebrou hoxe unha xornada sobre “Oportunidades comerciais e de investimento en Colombia” na que participaron dezasete empresas de Santiago e a súa comarca e tres representantes de empresas e organismos comerciais de Colombia. O obxecto deste encontro empresarial foi informar ás empresas galegas sobre as vantaxes e posibilidades de acordos comerciais con Colombia. O presidente da Cámara, Jesús Asorey, inaugurou a xornada. Destacou que é de máximo interese estratéxico para as empresas “profundar nas posibilidades de negocio” que se formulan no país latinoamericano. Ademais, lembrou que a saída a mercados exteriores é actualmente unha “opción moi vantaxoso para o crecemento das pequenas e medianas empresas” co fin de aumentar a súa capacidade competitiva e o volume de negocio.
O director executivo da axencia público-privada Invest in Bogotá, Juan Gabriel Pérez, ofreceu unha primeira charla sobre as características e as oportunidades únicas do mercado colombiano. Describiu á capital do país, Bogotá, como unha cidade en crecemento, en canto á renda per cápita e ao número de habitantes. Apuntou que se trata dunha urbe xove onde aumenta a clase media, cun promedio de crecemento do PIB para este ano de entre un 4 e un 5 por cento. “Bogotá es un lugar ideal para montar negocios. Colombia ha sido el país que más ha crecido en el primer trimestre del año en todo el mundo” –declarou–.
Nesta liña, Juan Gabriel Pérez expuxo as oportunidades de negocio que presenta o país e os sectores específicos en auxe. Así, destacan o sector das TIC e as industrias culturais do cine, televisión ou videoxogos. E por suposto, os importantes servizos petroleiros e mineiros, con máis de 100 empresas na cidade de Bogotá. Outro dos sectores en alza é a biotecnoloxía e os dispositivos médicos, cun clúster biotecnolóxico de gran alcance no que varias empresas galegas mostraron interese. Ademais, sobresaen a industria química, farmacéutica e de vehículos masivos.
Outra centro de negocio importante son as infraestruturas na cidade de Bogotá. Juan Gabriel Pérez sinalou o gran proxecto do metro de Bogotá, previsto para os próximos anos, que se converterá no máis grande de América Latina, con 30 quilómetros de liña, e valorado en máis de 3.200 millóns de dólares. O representante colombiano indicou que todos estes sectores económicos están respaldados polo funcionamento do aeroporto do Dorado, o aeródromo con máis volume de mercancías dos países latinoamericanos e o terceiro en pasaxeiros.
Marco legal accesible
Outro dos beneficios que presenta o país son os aspectos legais do investimento. Juan Gabriel Pérez explicou que as empresas interesadas en instalarse recibirán un “trato nacional” e incentivos tributarios, co obxecto de facilitar a vida á empresa, aumentar a competitividade da economía do país e incrementar o emprego.
Atenta ás oportunidades e economías emerxentes, a Cámara de Comercio de Santiago organizará unha misión comercial a Colombia e Ecuador, entre os días 23 e 30 de novembro, na que participarán dez empresas galegas. Ademais, o día 2 de outubro celebrarase unha segunda sesión informativa sobre as oportunidades comerciais en Perú.