O director médico do Balneario de Guitiriz ve na práctica termal unha importante alternativa para paliar enfermidades crónicas

Salienta que Galicia foi pioneira na promoción da saúde acudindo aos balnearios pero lamenta que se estea a perder a parte terapéutica a favor do turismo termal

O doutor invita a reflexionar sobre o papel dos balnearios no século XXI na clausura da Cátedra de Hidroloxía Médica da USC, que terá lugar esta tarde no edificio docente Roberto Novoa Santos 

Esta tarde clausúrase o curso da Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia. Será ás 18:30 horas, na aula 4 do edificio docente Roberto Novoa Santos, anexo ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago. No marco deste acto, o director médico do Balneario de Guitiriz, o doutor Salvador Ramos, abordará a importancia actual dos centros termais como escolas de saúde. 

Pola súa parte, o doutor Luís Rodríguez Míguez, codirector da Cátedra, pronunciará unha conferencia, na que afondará na importancia e evolución dos balnearios galegos ao longo da historia. Tamén intervirá o director da Cátedra e decano da Facultade de Medicina da USC, o doutor Juan Gestal Otero. Ao acto asistirán ademais o xerente da Asociación de Balnearios de Galicia, Benigno Amor; a coordinadora docente desta iniciativa, a doutora Dolores Fernández Marcos; xunto con outros profesores que participaron ao longo do curso.

O doutor Ramos dará a coñecer a denominada Escola da Saúde, unha filosofía asumida no Balneario de Guitiriz que el mesmo dirixe e coa que se pretende que a sociedade “asuma a responsabilidade de promocionar o seu benestar”. Esta idea presentada nos anos oitenta por parte da Organización Mundial da Saúde (OMS) persegue un cambio nos hábitos de vida actuais co fin de acadar o máximo benestar persoal.

Na procura dun envellecemento saudable

Ademais, Ramos explicará aos alumnos e futuros médicos o papel que debería cumprir un balneario no século XXI e a necesidade de responder ás demandas actuais. Nesta liña, opina que debemos lembrar a nosa historia para aprender coñecementos e empregalos na actualidade, xa que “agora somos unha sociedade máis envellecida, con máis enfermos crónicos e debemos coñecer prácticas do pasado para aplicalas no presente”.

O doutor defende que un balneario non deixa de ser un centro sanitario útil para potenciar un envellecemento saudable e sinala que, historicamente, xa se visitaban estes termais, habida conta dos beneficios das nosas augas. “Fomos pioneiros na promoción da saúde acudindo aos balnearios e, por desgraza, foise perdendo a parte terapéutica a favor do turismo termal” -indica-. 

Nos centros termais abórdanse dende enfermos oncolóxicos e neurolóxicos ata doenzas infantís

Salvador Ramos ve na balneoterapia unha alternativa complementaria ao sistema público de saúde “que se debería incluír na carteira dos centros sanitarios, ao igual que ocorre noutros países europeos”. E manifesta que “é unha mágoa que un elemento terapéutico tan útil non se empregue en todo o seu potencial”. Ademais, afirma que os enfermos oncolóxicos e neurolóxicos de todas as idades poden ser tratados nun balneario, pois “as terapias son pouco agresivas” e o termalismo infantil tamén se practica en toda Europa”.

Ramos insiste na necesidade de facer autocrítica e realizar un cambio no modelo administrativo e na propia empresa balnearia porque asegura que “aínda que é unha grande inversión, a longo prazo é o futuro máis rendible”. O experto opina que a maioría das persoas non valora ou descoñece a verdadeira importancia das augas termais galegas, ás que “non se lles saca o rendemento que debería”. 

O doutor salienta que as visitas aos balnearios requiren dunha constancia de cara a garantir a efectividade dos diferentes tratamentos no organismo. Por exemplo, se a patoloxía é crónica propón estancias de dúas semanas e diminuír pouco a pouco a frecuencia, alternando a aplicación das augas mineiromedicinais con outros tratamentos.