A inxesta de auga con olor a “ovo podre” é unha cura termal indicada para doenzas dixestivas
- Detalles
- Categoría: Balnearios de Galicia
- Published: Luns, 28 Abril 2014 16:54
- Escrito por Eva
- Visitas: 957
Son augas sulfuradas moi habituais nos balnearios galegos, en particular nos de Guitiriz, Lugo, Cuntis, Baños da Brea, Carballo e nos ourensáns de Arnoia e O Carballiño
A Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia celebra esta tarde, ás 18:00 horas, no edificio docente Roberto Novoa Santos da USC, unha nova sesión dirixida a futuros facultativos. A doutora Dolores Fernández Marcos, directora médico do Grupo Caldaria Termal (que aglutina os balnearios ourensáns de Arnoia, Laias -no concello de Cenlle- e Lobios), dará a coñecer as principais técnicas de aplicación das augas mineiromedicinais, en particular as que máis se empregan nos establecementos termais galegos.
A doutora explica que, cando un paciente acude a un balneario, o médico do centro prescríbelle unha cura termal, que consiste en utilizar varias técnicas para que os minerais das augas exerzan os seus efectos nos distintos órganos, dependendo da patoloxía que se queira tratar e do estado no que se atope o doente no momento de recibir a cura. “Aínda que puidera parecer que para cada doenza se aplica unha técnica especial, é o conxunto delas, secuenciadas cun determinado protocolo, o que compón a cura termal que consegue os efectos terapéuticos perseguidos polo médico” -indica-.
A inxestión de auga mineiromedicinal ten efectos terapéuticos nos aparatos dixestivo, urinario e circulatorio
O conxunto de técnicas hidroterapéuticas teñen a finalidade de facer chegar os minerais da auga ao interior do organismo, por vía oral, respiratoria ou tópica. Así, a denominada cura hidropínica consiste na inxestión de auga mineiromedicinal en bebida durante un tempo, a un ritmo e nunhas cantidades precisas que determina o facultativo. Trátase dunha técnica moi sinxela, pero a súa correcta aplicación ten efectos terapéuticos no organismo, sobre todo no aparato dixestivo pero tamén no urinario e no circulatorio.
Un dos casos máis coñecidos é o da auga sulfurada ou auga con cheiro a “ovos podres”. Estas augas teñen un ión sulfhídrico por riba dun miligramo por litro, é dicir, unha alta concentración de xofre disolto. En Galicia atópanse nos balnearios de Lugo e Guitiriz, na provincia de Lugo; nos pontevedreses de Cuntis e Baños da Brea (Vila de Cruces); no coruñés de Carballo; e sobre todo nos ourensáns de Arnoia e Gran Balneario do Carballiño.
Duchas nasais e inhalacións para combater a asma e as alerxias
A aplicación de auga mineiromedicinal por vía respiratoria faise por medio de técnicas atmiántricas, a través de duchas nasais, inhalacións, aerosois, nebulizadores e mesmo a través de duchas larínxeas. A súa finalidade é combater afeccións do aparato respiratorio como a asma, a bronquite crónica, a sinusite ou as alerxias.
Existen ademais diferentes técnicas de balneación, que son aquelas nas que cómpre mergullarse na auga, xa sexa de xeito parcial ou total, en función de cada patoloxía. Poden ser con presión (duchas, bañeiras de tipo circular e chorros) ou sen presión (baños por inmersión, de burbullas, subacuáticos, hidromasaxe, pediluvios ou maniluvios). Trátanse así problemas óseos e das articulacións e tamén certas afeccións da pel. Combinadas con outras técnicas, axudan ademais a combater doenzas do sistema circulatorio.
Outra das técnicas habituais son as estufas, que poden ser húmidas (baños de vapor similares ao baño turco) ou secas (saunas). Os expertos sinalan que resultan moi efectivas no tratamento de afeccións do aparato respiratorio.