Unha ducia de nenos trataron as súas enfermidades respiratorias no Balneario de Cuntis

Sometéronse a sesións con inhaladores, aerosois de auga termal, nebulizadores e duchas nasais

Tras once días de tratamento conseguen aliviar os síntomas e diminuír o consumo de medicamentos

O Balneario de Cuntis puxo en marcha, unha vez máis, un programa dirixido a tratar enfermidades respiratorias entre o público infantil. Ao longo de once días unha ducia de rapaces de entre 5 e 16 anos sometéronse a distintos tratamentos para paliar os síntomas das súas doenzas.

Dirixidos por un equipo de médicos e fisioterapeutas do balneario, realizaron diferentes técnicas respiratorias coas augas mineiro-medicinais da vila cuntiense e gozaron de distintas actividades de tipo lúdico. Os nenos, a maior parte deles asmáticos e alérxicos, empregaron inhaladores, aerosois de auga termal, nebulizadores e duchas nasais.

A coordinadora do balneario, Eva Graña, sinalou que “a resposta dos nenos foi moi positiva, conseguiron aliviar significativamente as súas enfermidades e a maioría deles poderá diminuír o consumo de medicamentos”. Ademais, engade, “algúns rapaces realizan o tratamento de maneira preventiva”, para facer fronte aos catarros invernais.

O tratamento está suxeito a prescrición médica. Vai dirixido a pacientes con asma bronquial ou bronquiolite, fibrose quística, rino-farinxite, catarros comúns, infeccións respiratorias agudas e crónicas, obstrución nasal, alerxias respiratorias ou sinusite.

O obxectivo deste programa é que os enfermos melloren a súa ventilación bronco-pulmonar, reduzan o consumo de medicamentos e eviten crises de asma bronquial. Dende o ano 2010, o Balneario de Cuntis organiza anualmente dúas campañas deste tipo, unha en primavera e outra en outono.