O XXXVI Maratón San Antón Gran Premio Termas de Cuntis reuniu un total de 212 rapaces na tarde do domingo

Acudiron corredores da Estrada, Caldas, Padrón, Santiago ou Porriño pero o setenta por cento dos participantes eran veciños da vila termal 

O bo tempo e a deportividade dos mozos caracterizaron a cita, segundo os organizadores

Un total de 212 corredores participaron onte pola tarde nas carreiras das categorías inferiores do XXXVI Maratón San Antón Gran Premio Termas de Cuntis. Todos eles, de 1 a 15 anos de idade –distribuídos en bebés, andantes, críos, benxamíns, alevíns, infantís e cadetes– realizaron percorridos de entre 50 e 2.000 metros polo centro da vila termal.

Alfonso Iglesias, membro da organización, indica que o bo tempo e a deportividade dos mozos caracterizaron a cita, que mantivo a cifra de participantes das últimas edicións. Iglesias destaca que na categoría infantil o número de rapazas foi moi superior ao de rapaces e que as carreiras dos nenos de entre 8 e 11 anos foron as máis numerosas, “unha mostra de que esta proba deportiva ten futuro” –afirma.

Acudiron corredores da Estrada, Caldas, Padrón, Santiago ou Porriño pero o setenta por cento dos participantes eran veciños da vila termal. Todos eles recibiron medallas e agasallos do Balneario de Cuntis, máximo patrocinador desta cita deportiva. E os cinco primeiros clasificados de cada categoría foron premiados con trofeos de prata. 

No XXXVI Maratón San Antón Gran Premio Termas de Cuntis gardouse un minuto de silencio en recordo das vítimas do Rally da Coruña. 

Principais vencedores

CADETES.- Óscar Filgueiras López (Portonovo) e Iria Rivas Iglesias (A Estrada) gañaron na categoría cadete (masculino e feminino, respectivamente) a proba de 2.350 metros. 

INFANTÍS.- Fika Santos Villalón (Poio) e Carolina Rivadulla Matalobos (A Estrada) gañaron na categoría infantil (masculino e feminino, respectivamente) a proba de 1.300 metros. 

ALEVÍNS.- Martín Ruibal Rosende (A Estrada) e Carolina Santos Villalón (Poio) gañaron na categoría alevín (masculino e feminino, respectivamente) a proba de 1.080 metros.