O XXXVI Maratón San Antón, patrocinado polo Balneario de Cuntis, reuniu onte a 175 atletas

A cuntiense Montserrat Pereira Pena, con 43’ 18”, gañou a proba absoluta feminina e Uxío Abuín Ares, con 33’ 54”, a masculina

As carreiras das categorías inferiores quedaron aprazadas a setembro a causa das malas condicións meteorolóxicas

A trixésimo sexta edición do Maratón San Antón reuniu onte en Cuntis a un total de 175 deportistas. Tanto profesionais coma afeccionados do atletismo procedentes de toda Galicia, León, Asturias e o norte de Portugal acudiron a esta proba organizada pola Asociación Deportiva Maratón San Antón e patrocinada polo Balneario de Cuntis.

A carreira absoluta, que congregou aos participantes das categorías superiores –xuvenís, junior, promesas, senior, pre-veteranos, veteranos e avós– deu comezo ás 11:00 horas nas inmediacións do balneario e desenvolveuse ao longo de 10 kilómetros. Os atletas percorreron o centro histórico da vila termal e a contorna rural. 

O primeiro en atravesar a liña de meta foi Uxío Abuín Ares, de Dodro, que obtivo unha marca de 33’ 54”. Jose Antonio Ramallo Reboredo e Hugo Loureiro Cerqueira, con 34’ 29” e 34’ 59” respectivamente, foron o segundo e terceiro clasificados. 

Na sección feminina, a cuntiense Montserrat Pereira Pena, rexistrou un tempo de 43’ 18” liderando o primeiro posto por diante de Rocío Carbia Lojo (44’ 24”) e Guadalupe Lodeiro Núñez (44’ 52”). Por outra parte, Carmen Fuentes Castro clasificouse como a mellor corredora local, con 47’ 59”.

Ao remate entregáronse os trofeos aos primeiros clasificados e numerosos galardóns a todos os participantes. En representación do Balneario de Cuntis, Andrés Campos, que tamén correu o maratón, entregou os premios aos gañadores absolutos. Hugo Loureiro Cerqueira e Rocío Carbia Lojo, da categoría promesas, recibiron, ademais, o “Xulián Bernal”, trofeo que rende homenaxe ao falecido veterano corredor, incondicional desta cita cuntiense.

Alfonso Iglesias, un dos organizadores da carreira, indicou que “os fortes ventos e a chuvia diminuíron o número de corredores e de público, pero a proba celebrouse con éxito e sen incidencias”. Pola tarde estaba previsto que tiveran lugar as carreiras pertencentes ás categorías inferiores –de bebés a cadetes– pero as malas condicións meteorolóxicas obrigaron a aprazar as probas, que se celebrarán o vindeiro domingo 20 de setembro.