O Colexio de Arquitectos rexeita que se avance no deseño da estación intermodal do AVE sen contar co proxecto gañador de Juan Herreros
- Detalles
- Categoría: Arquitectos de Santiago
- Published: Mércores, 30 Xaneiro 2013 17:21
- Visitas: 802
O Colexio de Arquitectos de Galicia rexeita que as Administracións Públicas avancen no deseño da estación intermodal do AVE en Santiago sen contar co proxecto gañador de Juan Herreros, proposta elixida a través do Concurso Internacional de Ideas que fora convocado polo Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF), dependente do Ministerio de Fomento.
O decano do Colexio de Arquitectos, Jorge Duarte, lembra que o proxecto de Herreros foi seleccionado porque era “o que mellor resolvía as cuestións e necesidades que se indicaban para a zona”, e engade que, se cambiaron as condicións e os plans, “a proposta goza da suficiente versatilidade para poder adaptala ás posibles novas pretensións e aos tempos de crise económica, tal como xa manifestou publicamente o propio Herreros”.“Desde o Colexio apostamos decididamente por un urbanismo de calidade, cuxas plusvalías revirtan na propia sociedade. Neste caso, os fondos que xeren o solo destinado a uso residencial debe axudar ao financiamento desta obra que debe resolver a infraestrutura ferroviaria coa mellora do espazo público urbano”, segundo expón o decano.
Duarte agrega que o proxecto gañador contribuía a superar “eficazmente” a ruptura da urbe coas Brañas do Sar e a Cidade da Cultura, así como a resolver conflitos de mobilidade no centro urbano e na súa área metropolitana: “A estación non é só un lugar, é tamén un punto fundamental da estrutura urbana pola súa centralidade”.
Duarte lembra que, ademais de promocionar “activamente” a divulgación e o debate social con conferencias (Juan Herreros dictou unha charla en Santiago o pasado 26 de outubro) e mesmo con traballos dos alumnos da Aula de Renovación Urbana (Consorcio de Santiago e a USC) sobre este asunto, o Colexio mantivo reunións periódicas co goberno municipal “co fin de aportar a súa visión e orientación no seguimento e desenvolvemento deste proxecto transcendental para a capital galega”.
O Colexio de Arquitectos de Galicia formou parte do xurado da convocatoria do ADIF, polo que ten un “coñecemento exhaustivo e detallado” tanto das propostas presentadas como da que foi elixida, segundo destaca o seu decano: “De aí que defendamos que se teña en conta a opinión e participación de Herreros na configuración da estación intermodal e o seu espazo, aínda que se queira variar ou readaptar o programa arquitectónco e urbanístico”.