A Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos pide ao Concello a paralización do proceso de concesión da cafetería da Alameda

alamedaA entidade considera que a mellor fórmula é o concurso de proxectos arquitectónicos

A Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia reclama ao Concello de Santiago que a intervención do bar-cafetería da Alameda se faga a través dun concurso de proxectos arquitectónicos e solicita á Administración local a paralización do proceso de concesión. O Concello de Santiago decidiu ceder a explotación da cafetería por medio dunha concesión administrativa de uso privativo de bens de dominio público, onde o concesionario gañador será o responsable de redactar o proxecto arquitectónico.

Tras varias reunións entre a presidenta da Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos, Ana Domínguez Laíño, o decano do Colexio de Arquitectos, Jorge Duarte, co alcalde da cidade, Ángel Currás, a concelleira de Urbanismo, María Pardo, e outros membros do departamento de Cidade Histórica non se conseguiu a aceptación da proposta do concurso público de proxectos, en beneficio da propia Alameda, un espazo catalogado dentro do plan especial e un Ben de Interés Cultural (BIC) da cidade.

Dado o carácter negativo da resposta municipal, a Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos solicita a paralización do proceso e a apertura dun procedemento para a contratación do mellor proxecto posible para a cidade, a través da fórmula do concurso de proxectos arquitectónicos, que garante a transparencia e a calidade do deseño. Segundo a entidade colexial, o método ideal para deseñar a instalación sería a convocatoria deste concurso independente, froito da profunda reflexión de técnicos e avaliado por un xurado especializado. “O concurso de proxectos posibilitaría o deseño da cafetería, a ordenación do seu contorno, unha análise da súa ubicación, as condicións de accesibilidade e a eliminación de barreiras arquitectónicas, ademais de reflectir aspectos de aforro e eficiencia enerxética” –apunta Ana Domínguez Laíño–.

Este proxecto, ubicado dentro do casco histórico da cidade, prevé a posibilidade de demoler as edificacións xa existentes e a construción dunhas novas que revertirán ao Concello ao fin da concesión. Con estes parámetros, a Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos indica que o máis conveniente sería desvincular a redacción do proxecto do concesionario, interesado principalmente na explotación do negocio da forma máis rendible. Ana Domínguez Laíño sinala que xeralmente en proxectos de características e usos similares a fórmula máis común é que a Administración pública pertinente “suministre ao concesionario o proxecto que debe executar”.

Neste caso, o procedemento previsto no prego do concurso inclúe aspectos que dificultan a posibilidade de presentar unha propuesta coa calidade debida para un casco histórico Patrimonio da Humanidade. A proposta técnica deberá presentarse a nivel de anteproxecto nun prazo máximo de quince días naturais, cando a lei o describe como mínimo garantizable nun procedemento ordinario de contratación, pero non impide fixar outro superior.

Por outra parte, o prego indica que a calidade arquitectónica do proxecto ten un valor máximo de 25 sobre 75 puntos, independentemente da avaliación da ponencia técnica da comisión asesora da Cidade Histórica, e concédeselle o mesmo valor que ao proxecto de explotación dos servizos de hostalería. A Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos intentou “sen éxito” chegar a un acordo co departamento de Cidade Histórica do Concello de Santiago para modificar e ampliar a puntuación do apartado técnico do proxecto. Neste punto, os arquitectos composteláns solicitan ao Concello que outorge un valor superior ao proxecto arquitectónico do bar-cafetería da Alameda de Santiago.