A Cámara de Comercio de Santiago entrega os diplomas aos 85 participantes de tres programas formativos de creación de empresas e aumento da competitividade de pemes en crise

Consolidáronse 28 empresas froito destes programas formativos

A Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Santiago de Compostela clausurou hoxe tres programas formativos de Creación e Consolidación de Empresas e Autoemprego. Emprende en positivo, Creación e consolidación de Industrias Culturais e Creativas e Compite +. Diagnóstico e plans de acción para a mellora da competitividade das pemes ante a crise, que se impartiron no viveiro de empresas de Costa Vella durante os últimos meses en colaboración coa Consellería de Traballo e Benestar e a Fundación Incyde (con Fondo Social Europeo). Participaron 85 alumnos, que presentaron 66 proxectos empresariais, dos cales se consolidaron como empresa 28.

O acto de clausura e entrega de diplomas, que se celebrou nas aulas formativas do viveiro de Costa Vella, estivo encabezado polo presidente da Cámara de Comercio de Santiago, Jesús Asorey, o director Xeral da Consellería de Traballo, Odilo Martiñá, o director técnico da Fundación Incyde, José María Párraga, e o secretario cameral, Fernando Barros.

Jesús Asorey destacou o traballo do viveiro de empresas, centrado en manter activo o espírito emprendedor, “unha das saídas laborais máis evidentes actualmente”. Segundo indicou Asorey, no viveiro de Santiago de Compostela ofrécese asesoramento empresarial e xurídico a emprendedores, ademais de formación especializada como estes programas de formación. O viveiro de Costa Vella alberga na actualidade a dezaoito empresas con ubicación física e vinte e dúas firmas que reciben servizos de maneira virtual. Desde a súa creación en 2006 pasaron pola incubadora empresarial un total de 104 empresas. O correto funcionamento deste viveiro de empresas e a calidade do seu emprendemento maniféstase na alta porcentaxe da taxa de supervivencia empresarial, situada no 78 por cento.

José María Párraga explicou que o propósito destes programas é inculcar a dirección correta á empresa a través da elaboración dun plan de negocio para intentar estar “preto dos clientes cunha mentalidade aberta ás novas tecnoloxías”.

Pola súa parte, Odiló Martiñá  expuxo que actualmente hai 224.000 autónomos en Galicia (un de cada catro afiliados son autónomos), un colectivo de traballadores que ten “un plus de resistencia ante a crise”.

Emprende en positivo

Un dos programas formativos que se impartiu na incubadora empresarial foi o programa de “Creación e Consolidación de Empresas e Autoemprego. Emprende en Positivo”, dirixido por Belén Romero. Esta acción formativa organizouse en colaboración coa Dirección Xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo.

O curso contou coa participación de 26 alumnos que crearon 22 proxectos empresariais. A súa finalidade foi a de mellorar, mediante a formación e o asesoramento, a xestión empresarial da pequena e mediana empresa (peme), desenvolver iniciativas dirixidas ao autoemprego e creación de empresas, así como a adaptación das pemes aos novos mercados. Así, o obxectivo final foi a obtención dun plan de empresa baseado nunha idea empresarial, ou para conseguir a mellora da competitividade do negocio xa existente. A emprendedora Tamara Rodríguez Silva expuxo os seu proxecto Comunicación e Innovación Sositible, situado actualmente na incubadora da Cámara de Comercio de Santiago.

Fomento emprendedor de proxectos culturais

A Cámara de Comercio de Santiago organizou outro programa formativo destinado a fomentar os proxectos culturais. No curso, “Creación e consolidación de Industrias Culturais e Creativas”, participaron 31 alumnos expertos en materias creativas como a arte, teatro, música, danza, audiovisual, sector editorial, novas tecnoloxías ou deseño. As emprendedoras Ana Seijo e Sabela Pernás presentaron o seu proxecto pioneiro chamado VideodinamizARTE. Engloba o audiovisual e a disciplina psicolóxica para elaborar un produto cultural, empregando as potencialidades do vídeo en contextos de crecemento persoal, intervención social, cultural e educativa con diversos colectivos.

Antídoto para a crise

Ademais, a entidade cameral clausura o programa “Compite +. Diagnóstico e plans de acción para a mellora da competitividade das pemes ante a crise”. Este proxecto destinouse a promover a mellora das oportunidades de negocio das empresas en situación de crise. Dirixiuse a propietarios e xerentes de micropemes de sectores tradicionais, con máis de cinco anos de antigüidade, con plantillas dun máximo de dez empregados que precisan apoio nas áreas de innovación e transferencia de tecnoloxía, finanzas, marketing comercial, xestión de procesos, internacionalización e comercio exterior, ademais de a emprendedores. Outro dos obxectivos foi implementación a mellora dos negocios con vocación exportadora dos seus produtos ou servizos, perseguindo un aumento da súa competitividade.

De xeito específico, este programa persegue transmitir conceptos sobre a dirección en tempo de crise, aprender a realizar un diagnóstico dos problemas críticos, establecer prioridades e asumir a toma de decisións e fixar un calendario con axudas urxentes. Para alcanzar estas metas específicas, as empresas participantes tiveron que cumprimentar unha enquisa de auto diagnóstico do seu nivel de competitividade e facer unha revisión por áreas temáticas dos factores críticos para a competitividade. O resultado final do traballo foi a presentación dun Plan de axuste empresarial ou Plan de recuperación empresarial.

A emprendedora Leticia Díez fixo unha presentación do seu proxecto empresarial chamado Coaching 10 (C10), ubicado no viveiro de Costa Vella. Está destinado a axudar ás persoas que queiran mellorar a súa calidade de vida e benestar (salud, aspecto, beleza), a emprendedores, profesionais independentes ou persoas que queiran desenvolver o seu propio negocio e non se atopan preparardos emocionalmente porque sofren medos, bloqueos, inseguirdade ou ansiedade. Ademais, Leticia Díez pretende enfocar o seu negocio tamén cara a empresarios que pretenden avanzar en rendemento e produtividade ou maximizar o potencial dos seus equipos de traballo.