Termas de Cuntis patrocina a sexta carreira “Trail Vila de Cuntis” que se celebrará o domingo, coa previsión de chegar aos 300 participantes

Organízase unha proba de trail con 26 km, un mini trail e dúas andainas polos montes do concello, facendo o percorrido en sentido contrario a anos anteriores 

As inscricións nas camiñadas e na fila 0 terán un fin solidario, destinado á Asociación de diagnosticados de cancro de mama de Pontevedra 

O balneario Termas de Cuntis patrocina o “VI Trail Vila de Cuntis”, organizado polo Club de Montaña Xesteiras. A carreira celebrarase o vindeiro domingo, 8 de xullo, con saída e chegada na Praza das Árbores do Concello de Cuntis. A saída será ás 9:00 horas e polo momento a carreira conta con 269 inscritos nas modalidades de fila 0, trail, mini trail e dúas andaina.

A proba de trail terá un percorrido aproximado de 26 quilómetros e discorrerá por parte dos montes de Cuntis: saída desde a Praza das Árbores dirección ao monumento de Maráns, O Pazo, Laxos, Sevil onde se cruzará o río Umia, Vilar de Mato e Alto do Cávado onde comezará o regreso por Cequeril, Hermida, Alto do Castro, Sevil, Laxos, O Pazo e Cuntis, acumulando un desnivel positivo de 1.330 metros aproximadamente. Segundo o presidente do Club de Montaña Xesteiras, Tono Abal, nesta edición variouse o sentido do percorrido, facéndose en sentido contrario con respecto a edicións anteriores.

Poderán participar as persoas que o desexen, maiores de 18 anos, ata un máximo de 300 participantes, repartidos nas seguintes categorías: absoluta (masculina e feminina), veteranos de 45 ou máis anos e veteranas de 40 ou máis anos. A inscrición para o trail estará aberta ata hoxe xoves, 5 de xullo, a través da web http://trailcuntis.galitiming.com/. A inscrición da dereito a participar na proba, seguro de asistencia sanitaria e de responsabilidade civil, bolsa do corredor, avituallamentos, duchas, aloxamento no pavillón municipal de Cuntis, comida postcarreira e servizo de gardería con animadores titulados.

O percorrido estará sinalizado con cinta de plástico de cor azul, sendo obrigatorio o paso polos controis establecidos. Os participantes que superen as 3 horas 45 minutos no paso polo Alto do Cádavo (km 15 aproximadamente), deberán retirarse da proba xa que nin a organización nin os servizos de asistencia poden garantir a súa cobertura. Ademais, os “corredores escoba” ou responsables de cada control terán potestade para retirar da proba a calquera corredor/a se o seu tempo en carreira ou o seu estado de saúde así o aconsellan. Haberá cinco avituallamentos líquidos, máis ou menos cada cinco quilómetros, e tres avituallamentos sólidos nos km 10, 15 e 20, máis o de meta que será líquido e sólido.Entregarase unha cesta de produtos típicos da zona aos tres primeiros de cada categoría e tamén para o mellor equipo, ademais de entradas para o balneario Termas de Cuntis. Para esta clasificación por equipos, teranse en conta os tempos dos cinco primeiros clasificados de cada equipo (mulleres ou homes) que participen no trail.

IV mini trail Vila de Cuntis e dúas andainas

A cuarta carreira de mini trail Vila de Cuntis comezará tamén ás 9:00 horas, con saída e chegada na Praza das Árbores do Concello de Cuntis. Terá un percorrido aproximado de 17 quilómetros igual ao da proba do trail, acumulando un desnivel positivo de 780 metros aproximadamente. Poderán participar as persoas que o desexen, maiores de 18 anos, ata un máximo de 300 participantes. Os menores de idade deberán ir acompañados por unha persoa maior que se fará responsable, pero en todo caso deberá estar previamente inscrito. Entregarase un lote de regalos aos tres primeiros homes clasificados e ás tres primeiras mulleres clasificadas no mini trail.

Finalmente as andainas, unha longa de 17 quilómetros e unha curta de 10 quilómetros, serán probas non competitivas nas non haberá premios. As inscricións para o mini trail e a andaina estarán abertas ata hoxe xoves, 5 de xullo, a través da web http://trailcuntis.galitiming.com/. 

A totalidade do recadado na inscrición da fila 0 e a metade do das andainas será doado á Asociación de diagnosticad@s de cancro de mama de Pontevedra (ADICAM). Esta edición do “Trail Vila de Cuntis” está patrocinada por Termas de Cuntis, Concello de Cuntis, Deputación de Pontevedra e as empresas Coca Cola, Supermercados Merca Más e Atlántico de Cuntis, Versos de A Ruda, Ndorfina de Lugo, Nusak de Ribeira e Distribuciones Barros Bugarín. 

https://www.facebook.com/CdMXesteiras/