Salvador Jorge, responsable de Mobilidade Zona Centro-Norte de Naturgy: “O combustible supuxo en 2017 máis do 30% do custe das empresas de transporte, polo que o incremento nos prezos é un factor crítico para a competitividade e supervivencia do sector”

Unha ducia de empresas relacionadas coa loxística asistiron ao almorzo informativo sobre os usos do gas natural vehicular celebrado hoxe na Cámara de Comercio de Santiago

A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela celebrou hoxe un almorzo informativo sobre o gas natural vehicular, en colaboración coa compañía Naturgy (antiga Gas Natural Fenosa). O presidente da Cámara, José Sierra Fernández, presentou a xornada que impartiron o responsable de Mobilidade Zona Centro-Norte, Salvador Jorge Mora, e a delegada de Eficiencia Zona Centro-Norte de Naturgy, María Francisca Rodríguez.

A xornada, na que participaron unha ducia de empresas relacionadas coa loxística, serviu para explicar as alternativas que existen na actualidade ao diésel no sector do transporte profesional e a situación dos prezos dos distintos combustibles, ademais de profundar no gas natural vehicular e explicar como realizar con éxito economicamente e operativamente a súa implantación.

Segundo explicou Salvador Jorge, o transporte profesional ten diferentes alternativas ao diésel en función do tipo de uso que se faga dos vehículos. Sinalou que en vehículos lixeiros (taxis, furgonetas lixeiras, vehículos de representación,…) estanse empregando case todas as alternativas, a excepción do Gas Natural Licuado (GNL) que polas súas características está destinado a un uso máis profesional.

Para un uso profesional de vehículos lixeiros e furgonetas, o representante de Naturgy indicou que actualmente están competindo o Gas Licuado do Petróleo (GLP) e o Gas Natural Comprimido (GNC). Explicou que a vantaxe principal do GLP é a súa maior rede de infraestruturas, o que favorece unha expansión inicial maior; e a do GNC, a súa ecoloxía e economía e que son vehículos deseñados directamente de fábrica. “Nos próximos anos o desenvolvemento da rede de estacións dará vantaxe ao gas natural comprimido” –destacou–.

En vehículos pesados, Salvador Jorge considera que a única alternativa “actual e real” ao diésel é o gas natural (GNL ou GNC), aínda que o desenvolvemento desta tecnoloxía foi lento pola falta de infraestrutura e de vehículos por parte dos fabricantes, pero estas barreiras rompéronse nos últimos dous anos e estase a vivir unha forte expansión do gas natural no transporte pesado e as principais empresas de distribución estano implantando paulatinamente nas súas flotas por ecoloxía e economía.

En autobuses urbanos, Jorge Mora apuntou que as alternativas actuais ao diésel son o autobús a gas (tecnoloxía máis implantada en España) e híbrido diésel-electricidade. “O eléctrico puro non é rendible nin operativo para unha implantación total urbana, pero estanse poñendo de mostra en algunhas cidades” –indicou–. E a nivel interurbano, engadiu que a tecnoloxía está menos desenvolta, pero os vehículos híbridos (electricidade-diésel) e o GNL serán os que se imporán a medio prazo.

A electricidade e o gas renovable, futuro enerxético

As fortes subidas do prezo do crudo e as noticias chegadas de Bruxelas e España sobre as subidas de tipos impositivos ao diésel, unido á competitividade de certos combustibles alternativos suporán unha revolución nos próximos anos no sector do transporte. “O custo do combustible en 2017 supuxo máis do 30% do custo das empresas de transporte, polo que o incremento nos prezos é un factor crítico para a competitividade e supervivencia do sector” –destacou Salvador Jorge–.

En canto ás vantaxes do gas natural, o representante de Naturgy explicou que é o combustible alternativo máis competitivo en prezo, que non produce contaminantes locais que danen á poboación e é o único que ten a tecnoloxía madura para o seu uso no transporte pesado. Ademais, indicou que nos últimos anos estase a implantar, sobre todo en Europa e comezando en España, o gas sintético (aproveitando os excedentes das renovables) e o biogás (derivado do tratamento de residuos) que produce un gas 100% renovable. “Cremos que a longo prazo, a electricidade e o gas renovable serán o futuro enerxético” –sentenciou–.

“Nun período curto Galicia disporá das infraestruturas básicas para dar servizo á poboación e ao sector do transporte”

En canto á rede de gas natural, Salvador Jorge indicou que se está desenvolvendo de forma “exponencial” nos últimos anos en España. “Desde Naturgy fomos pioneiros no desenvolvemento de infraestruturas eléctricas e de gas natural, da que temos a principal rede de estacións na península, que serviron de base para lanzar o sector” –analizou–.

En concreto, o experto considera que en España o desenvolvemento de infraestruturas está chegando pola gran demanda en certas rutas dos principais transportistas, o empuxe dos fabricantes de vehículos (VW-SEAT-AUDI-MERCEDES-IVECO-FIAT…) e o apoio público.

E en Galicia, Salvador Jorge destacou que Naturgy está construíndo actualmente unha estación en Santiago de Compostela, outra en Vigo e outras dúas en fase de proxecto en A Coruña e Lugo. “Este desenvolvemento inicial, unido ao apoio das flotas públicas e a necesidade de competitividade das empresas privadas, permitirá que nun período curto Galicia disporá das infraestruturas básicas para dar servizo á poboación e ao sector do transporte” –asegurou–.