Clausúrase un programa sobre videoxogos indicado para espertar a creatividade dixital da mocidade

Os dezasete participantes recibiron o seu diploma nun acto celebrado na Cidade da Cultura 

Fernando Barros, secretario xeral da Cámara de Comercio: “O desenvolvemento de videoxogos é un campo profesional prometedor que demanda perfís con formación especializada 

O Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura de Galicia acolleu hoxe a clausura e entrega de diplomas do programa “Constrúe o teu futuro: Videoxogos e Emprendemento”, organizado pola Cámara de Comercio de Santiago, Cidade da Cultura e Fundación Incyde a través do financiamento do Fondo Social Europeo. O acto, que se celebrou na sala Eisenmann, estivo presidido polo secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Oitavén; o secretario xeral da Cámara, Fernando Barros; e o director de Proxectos da Fundación Incyde, Juan Vila-Coro.

O principal obxecto do programa, que se celebrou do 16 de abril ao 25 de maio, foi facilitar a incorporación ao mercado laboral a menores de 30 anos, non ocupados e non integrados nos sistemas de educación ou formación, a través de accións de fomento, formación e apoio ao emprendemento. Os 17 alumnos e alumnas participantes –14 homes e 3 mulleres– iniciáronse no desenvolvemento de videoxogos e ampliaron e consolidaron os seus coñecementos no campo da creatividade dixital.

Fernando Barros explicou que o sector dos videoxogos é o de maior potencial de crecemento e innovación da industria dos contidos dixitais en España. “O desenvolvemento de videoxogos é un campo profesional prometedor que demanda perfís con formación especializada” –explicou–.

A formación incluíu as principais disciplinas vinculadas á creatividade, innovación e tendencias dentro do mundo do videoxogo –produción de imaxe en 3D, desenvolvemento visual, efectos visuais ou simulación–, modelos de negocio, dirección de proxectos, roles de equipo técnico e tecnoloxía, área ede marketing –Google analytics, Seo, SEM, Growth hacking–, área xurídico-fiscal, finanzas e área de dirección de proxecto final. Ademais da entrega de diplomas, o alumno Juan Manuel Otero presentou o seu proxecto “Chirimolla Games”.