A xestión da transformación dixital das empresas será analizada nunha xornada na Cámara de Comercio de Santiago

Raúl Rebollo, consultor de estratexia dixital e docente:El avance de la tecnología propicia la reducción de costes y mejoras en la productividad de las personas y departamentos”

Celebrarase o 19 de xuño, ás 19:00 horas no salón de actos da entidade

A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela organizará o 19 de xuño unha xornada sobre a transformación dixital das empresas, dirixida a empresarios, directivos, emprendedores, asesores de empresa, consultores ou calquera persoa interesada en coñecer o concepto de transformación dixital e a xestión do cambio no modelo de negocio. Celebrarase de 19:00 a 21:00 horas no salón de actos da entidade cameral.

O obxecto desta xornada é proporcionar unha folla de ruta de conceptos, criterios e tendencias aos asistentes, para afrontar o desafío da transformación dixital nas súas organizacións, así como aproveitar as novas oportunidades impulsadas polo proceso de dixitalización para explorar novas formas de crecemento do negocio actual.

A xornada estará impartida polo consultor de estratexia dixital Raúl Rebollo que ensinará aos asistentes a identificar como pode impactar a transformación dixital na empresa, a través dunha metodoloxía baseada en valorar retos e iniciativas aos que se teñen que enfrontar co obxecto de seguir sendo competitivos e aumentar, pero nunca perder, a carteira de clientes.

Raúl Rebollo explicará aos participantes como funcionan os negocios dixitais e as distintas dimensións da transformación dixital, desde a relación co cliente ata os modelos de negocio. “El avance de la tecnología propicia la reducción de costes y mejoras en la productividad de las personas y departamentos” –sinala–.

Ademais, o experto realizará unha consultoría rápida para comprobar a transformación dixital dunha asociación que ofrece servizos aos seus clientes, aplicando neste caso os conceptos á propia Cámara de Comercio.