O V Torneo de fútbol 8 “Termas de Cuntis” celébrase esta fin de semana no campo de A Ran coa participación de 40 equipos galegos

Organizado pola empresa balnearia de vila e o club Atlético Cuntis, reunirá a 600 rapaces das zonas de Santiago, Milladoiro, Bertamiráns, A Estrada, Lalín, Silleda, Valga, Noia, Boiro, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Pontevedra, Meaño, Moraña, Cangas e Cuntis 

Esta fin de semana celebrarase o “V Torneo de Fútbol 8 Termas de Cuntis” no campo municipal de A Ran de Cuntis, que este ano contará coa participación de 40 equipos galegos integrados por 600 xogadores. Nesta edición participan rapaces na categoría  biberón, que inclúe a meniños de menos de seis anos, prebenxamín (6 e 7 anos), benxamín (8 e 9) e alevín (10 e 11).

A competición, que se celebrará durante o sábado-9 e o domingo-10 en horario de 10:00 a 20:00 horas, está organizada polo Atlético Cuntis –club que preside Fran Fontenla, máis coñecido como Choco– e o balneario Termas de Cuntis, e conta co patrocinio do Concello de Cuntis e a Deputación de Pontevedra. Os equipos participantes proceden de Santiago, Milladoiro, Bertamiráns, A Estrada, Lalín, Silleda, Valga, Noia, Boiro, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Pontevedra, Meaño, Moraña, Cangas e Cuntis. O sábado xogarán as categorías de prebenxamín e benxamín e o domingo biberón e alevín.

Os organizadores esperan superar os dous mil espectadores da pasada edición, ademais de aspirar a converter o evento na referencia anual da canteira galega de futbolistas. Ademais, agradece a súa colaboración a Termas de Cuntis, Concello de Cuntis, Deputación de Pontevedra, PC Cuntis, Fgf, e aos pequenos comercios de Cuntis e A Estrada polo apoio económico e de material, ademais de recoñecer o traballo realizado por pais e nais en tarefas organizativas.

Os equipos gañadores de cada categoría recibirán medalla e trofeo e unha entrada para o acquaform do balneario para todo o conxunto. O segundo e terceiro clasificados terán medalla e trofeo e o cuarto clasificado e o primeiro e segundo de consolación recibirán trofeo. A maiores, os xogadores da categoría biberón levarán todos medalla pola súa participación (trofeos e medallas doados por talleres Elmacar). Zona de xogos, con inchables, e festa da escuma ao final de cada día complementarán esta festa do fútbol infantil na vila termal. A entrada é libre e gratuíta.