Unha investigadora galega analiza as peculiaridades das tres cantigas de amigo que se conservan do xograr Johan de Cangas, que conforman unha pequena serie narrativa

O ciclo de conferencias que organiza o Concello de Cangas sobre a figura deste trobador clausúrase mañá venres

Baixo o título “Johan de Cangas e o seu tempo”, a Concellaría de Cultura do Concello de Cangas organiza un ciclo de conferencias de carácter divulgativo sobre a figura do xograr da ría de Vigo, que se clausura mañá venres. Nesta derradeira xornada, a investigadora da Rede de Estudos Medievais Interdisciplinares Pilar Lorenzo Gradín falará da produción literaria deste xograr das “ribeiras” do Morrazo. É catedrática de Filoloxía Románica da Universidade de Santiago e, ademais, a coordinadora académica deste ciclo. Sinala que con esta iniciativa búscase recuperar a figura deste xograr tan vencellado a este territorio e que nos permite saber como era Cangas na Idade Media.

Ao longo do ciclo afrontouse a faceta literaria de Johan de Cangas e o momento histórico no que viviu, como estaba configurada a sociedade galega e, en particular, a sociedade do sur de Galicia. Tamén se abordaron os monumentos artísticos da época, como era a paisaxe monumental medieval que rodeaba a península do Morrazo, así como o mar como elemento paisaxístico da lírica profana galego-portuguesa. E, por último, como broche do ciclo, a xornada de mañá venres centrarase nas súas cantigas.

Lorenzo sinala que, segundo se ten constancia, Johan de Cangas escribiu tres cantigas de amigo (aínda que posiblemente compuxese algunha máis), que entran na modalidade de cantigas de romaría ou de santuario, dedicadas neste caso a San Mamede, un santo moi venerado na Idade Media. Por esta razón se vencella a este trobador con Cangas, xa que, aínda que existen máis “Cangas” na toponimia da Idade Media, é o único lugar que posúe unha ermida que ten como patrón a San Mamede. A ermida da que falan estas cantigas, na que se produce o encontro dos dous namorados, atópase no alto dunha montaña, na parroquia de Beluso, en Bueu, sobre as ribeiras do mar.

A investigadora abordará as peculiaridades que estas tres cantigas de amigo ofrecen no marco da lírica galego-portuguesa. Explica que teñen moitas particularidades que as diferencian doutras cantigas de amigo, como certos aspectos de tipo léxico. Por outro lado, “aínda que son cantigas de refrán non son paralelísticas, fronte á maioría das cantigas de santuario e de romaría como as de Martín Códax ou Mendinho”. Ademais, nos seus textos aparece unha marca toponímica propia del: o encontro na ermida de San Mamede é un sinal de identidade das tres cantigas.

“Resulta curioso o feito que as tres cantigas, lidas no seu conxunto, forman un pequeno ciclo narrativo, algo que non é moi habitual nestes casos” -asegura Pilar Lorenzo-. Na primeira cantiga a rapaza pídelle permiso á súa nai para ver ao seu “amigo” na ermida. Na segunda parece que a nai llo concede pero ela regresa desilusionada porque o amigo non se presenta ao encontro. Na última, ela diríxese ao amigo e dille que accederá a reunirse con el na ermida se lle promete que non lle vai mentir de novo.

Este ciclo de conferencias, iniciado en maio, clausúrase mañá venres no salón de plenos do Concello de Cangas, ás 19:30 horas.