Seis alumnos da Escola de Altos Estudos Musicais tocarán como solistas coa Real Filharmonía de Galicia no xa tradicional concerto extraordinario do centro

Celebrarase este sábado, 9 de xuño, no compostelán Teatro Principal, ás 20:30 horas, baixo a batuta de Maximino Zumalave

A entrada é gratuíta previa retirada de invitación no Principal

A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) imparte o Curso Avanzado de Especialización Orquestral, un curso de posgrao recoñecido como título propio pola Universidade de Santiago que naceu hai sete anos como unha experiencia pioneira en España. Diríxese aos que remataron os seus estudos musicais e buscan integrarse nunha orquestra. Como colofón ao ano académico, varios alumnos do centro, seleccionados polo seu nivel de excelencia, participan como solistas nun concerto coa Real Filharmonía de Galicia (RFG).

O concerto desta edición celebrarase este sábado, 9 de xuño, ás 20:30 horas no Teatro Principal. A entrada é gratuíta, previa retirada da invitación na billeteira do propio teatro, de 18:00 a 21:00 horas de martes a sábado ou unha hora antes do inicio do concerto.

A escola e a orquestra conforman un proxecto musical único, xa que os profesores instrumentais da EAEM proceden da Real Filharmonía, coa que os alumnos participan nos seus concertos ao longo da temporada. Nesta ocasión os músicos estarán dirixidos polo mestre compostelán Maximino Zumalave, director asociado da RFG e da escola.

Obras de diferentes épocas e estilos

Os seis alumnos seleccionados para participar como solistas neste concerto son Beatriz Gallardo, frauta, Mario Vercher, fagot, Germán Martínez, clarinete, Francisco Gaspar Tomás, trompeta, xunto aos violinistas Magdalena Gacek e Héctor Robles.

Cada un deles protagonizará unha obra para o seu instrumento, de diferentes épocas e estilos. Tocarán obras completas ou fragmentos do Concerto nº 1 para frauta e orquestra de cordas de Malcolm Arnold, Andante e Rondó Húngaro de Carl Maria von Weber, Intodución, tema e variacións de Bernhard Henrik Crusell, o Concerto en Mi bemol maior de Joseph Haydn, o Concerto nº 2 do compositor ruso Serguéi Prokófiev e, finalmente, o Concerto en Re maior de Beethoven.