A Casa da Troia celebra unha xornada de portas abertas o venres 18 no marco do Día Internacional dos Museos

E organizarase unha ruta “troyana” cantada, que partirá ás 20:30 horas da estatua de Rosalía de Castro na Alameda e logo percorrerá diversas rúas do centro histórico para rematar diante do museo

O Museo Casa de la Troya celebra unha xornada de portas abertas este venres, 18 de maio, para conmemorar o Día Internacional dos Museos. Poderá visitarse, de xeito gratuíto, durante todo o día, de 11:00 a 14:00 horas pola mañá e de 16:00 a 22:00 horas pola tarde. Os visitantes estarán acompañados no seu percorrido polas explicacións das guías do museo. Ademais, esta semana a Casa de la Troya permanecerá aberta o sábado ata 20:00 horas.

Dentro da programación especial para celebrar o Día Internacional dos Museos, a Casa de la Troya vai organizar ademais este venres unha Ruta Troyana cantada, que partirá ás 20:30 horas da estatua de Rosalía de Castro, situada na Alameda de Santiago. E, logo de percorrer diversas rúas do centro histórico compostelán, o itinerario rematará diante do museo. A duración aproximada do percorrido será dunha hora e media e a participación no mesmo é gratuíta.

A ruta estará acompañada da música de “Troyanos de Compostela”, grupo musical vencellado á Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos e ao propio Museo. Esta agrupación musical naceu cos obxectivos de investigar e divulgar a música que tocaban as tunas en Santiago a finais do século XIX e comezos do XX (época da novela “La Casa de la Troya” de Pérez Lugín); e dar a coñecer a figura e a obra de diversos compositores galegos dese tempo.

O encargado de protagonizar este roteiro guiado será Suso Martínez, historiador, guía turístico, divulgador e actor especializado na historia de Galicia. Leva máis dunha década traballando para diferentes institucións realizando visitas guiadas dramatizadas. Fará a ruta caracterizado como o personaxe de Barcala da novela La casa de la Troya de Alejandro Pérez Lugín.

Os colexios poden realizar visitas á vella pensión de estudantes

O presidente da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos, entidade que xestiona o museo, Benigno Amor, sinala que “no marco das celebracións do 25º aniversario da apertura da Casa de la Troya como museo, convidamos aos centros educativos da cidade e doutros puntos de Galicia para que se animen a coñecer e percorrer a vella pensión de estudantes”. Os centros interesados en participar nesta experiencia os venres e sábados dos meses de maio e xuño poden poñerse en contacto co museo a través do correo electrónico museo@lacasadelatroya.gal.