A Cámara de Comercio de Santiago imparte un curso de community manager para menores de 30 anos

Os participantes aprenderán a facer un plan de comunicación dixital e coñecer a fondo as redes sociais 

Co obxecto de fomentar a súa empregabilidade, a formación impartirase do 4 ao 27 de xuño

A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela impartirá en xuño un curso de formación específica do plan de capacitación do Programa Integral de Cualificación y Empleo (PICE). É unha iniciativa integrada no Plan Nacional de Implantación de la Garantía Juvenil do Ministerio de Empleo y Seguridad Social que conta con financiamento do Fondo Social Europeo, e destinada a ofrecer accións directas de formación, adaptadas ás capacidades e necesidades e ás demandas empresariais para favorecer as posibilidades de inserción laboral de cada participante.

O programa gratuíto PICE está composto por un conxunto de accións de orientación, formación e achegamento ás empresas que persegue a empregabilidade de mozos e mozas de 16 a 29 anos. Está deseñado a medida do perfil, intereses e grao de cualificación e capacitación dos máis novos e responde á demanda actual das empresas.

Celebrarase un curso de formación específica, do 4 ao 27 de xuño, sobre community manager e marketing dixital, en horario de 9:00 a 14:00 horas. Estará impartido polo consultor e formador en marketing online e offline, comunicación, liderazgo e xestión de equipos Javier Rocamora.

Os obxectivos da formación son adquirir os coñecementos necesarios para a posta en marcha dun plan de comunicación dixital, no que se incluirá a elaboración dun plan de comunicación, partindo dunha estratexia de elaboración de contidos; comprender que lugar ocupan as redes sociais dentro da engrenaxe do negocio; indagar para que serven as redes sociais e como encaixalas dentro do plan de negocio; coñecer outras redes sociais máis alá de Facebook, Instagram e Twitter; e saber desempeñar as funcións propias dun community manager: desde a xestión dos contidos nas redes á interacción, conversación, publicidade online e xeración de informes e estatísticas.

Máis información e inscricións:

http://www.camaracompostela.com/index.asp?ind=1C0A0A0&p=210#.WvwQK0iFPmZ