O aclamado clarinetista israelí Yehuda Gilad impartirá clases a músicos galegos

A Escola de Altos Estudos Musicais ofrece a posibilidade de que intérpretes novos melloren a súa destreza con este instrumento

A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, dispón dun programa de formación permanente dirixido a intérpretes novos. No marco deste proxecto, ofrécese a posibilidade de asistir ao longo do ano a unha serie de clases maxistrais que imparten solistas de prestixio internacional.

A vindeira semana contarase coa presenza do aclamado clarinetista israelí Yehuda Gilad, os días 7, 8 e 9 de maio. Ademais de alumnos da Escola, tamén poden asistir a estas sesións músicos externos ao centro.

Premio ao Profesor máis Distinguido outorgado pola Comisión da Casa Blanca

Yehuda Gilad é profesor no Conservatorio de Colburn de Los Ángeles. É convidado con regularidade a impartir clases maxistrais en todo o mundo. Como clarinetista consumado, ten participado nos máis prestixiosos festivais de música, e colaborado como intérprete e director de orquesta con moitos dos artistas máis prominentes.

O seu éxito como director é igual ao seu recoñecemento como intérprete e docente. Aclamado como un dos directores máis dinámicos e carismáticos, foi director artístico e musical da Orquestra Sinfónica de Colonia en Nova Jersey, da Orquesta de Colburn en Los Ángeles e da Orquestra Sinfónica de Santa Mónica. En 1987 converteuse no primeiro batuta israelí en actuar en China, e dende entón ten realizado numerosos compromisos no país asiático.

É un firme defensor da educación artística, involucrado con proxectos educativos de gran relevancia social. Ten gañado numerosos premios pola súa contribución á música, entre eles o Premio ao Profesor máis Distinguido outorgado pola Comisión da Casa Blanca, Mellor Profesor da Escola de Colburn en Los Ángeles, bolsa da Fundación Cultural Israel-América e o Premio Robert Simon en música.