O Colexio de Arquitectos de Galicia organiza mañá no Marco de Vigo un obradoiro gratuíto para que os máis pequenos aprendan mediante xogos a “interpretar a realidade que os rodea”

Levantarán os sólidos platónicos e xogarán cos poliedros regulares fundamentais para comprender as bases do deseño tridimensional

O taller, dirixido polos colectivos Palitroques e Sistema Lupo, é unha actividade da bienal internacional Ludantia de educación en arquitectura que se celebrará en Pontevedra do 10 de maio ao 17 de xuño 

O Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) organizará mañá sábado, día 28, un obradoiro familiar, de carácter gratuíto, para nenos e nenas no Museo Marco de Vigo, entre as 17:00 e as 20:00 horas.

O taller é unha actividade incluída no programa “Xogo na Rúa” da I Bienal Internacional de Educación en Arquitectura para a Infancia e Mocidade (Ludantia) que se celebrará en Pontevedra do 10 de maio ao 17 de xuño, organizada polo Colexio de Arquitectos de Galicia en colaboración coa Xunta de Galicia (a través da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística- APLU), a Deputación de Pontevedra e o Concello de Pontevedra. Asistirá ao inicio do taller á presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que estará acompañada polo presidente da Delegación de Vigo do Colexio de Arquitectos, Antonio Davila.

O obradoiro “Xeometría, sólidos platónicos” está coordinado por dúas iniciativas didácticas: Palitroques e Sistema Lupo. Palitroques é un taller de xeometría aplicada ás estruturas, no que se constrúen volumes de gran escala formados a base de barras e os propios participantes. E o Sistema Lupo é un proxecto baseado nas posibilidades dos bloques de construción como instrumento educativo.

As didácticas transversais permitirán aos participantes entrar en campos tan diversos como as matemáticas, a xeometría, a música, as ciencias sociais ou a xeografía e historia, todo iso tomando como base a arquitectura e o traballo en equipo. Neste obradoiro levantaranse os sólidos platónicos, que son os cinco únicos poliedros regulares, fundamentais para comprender as bases do deseño tridimensional. Baixo a premisa de “aprender xogando”, os rapaces recibirán nocións para interpretar a realidade que os rodea, resolvendo un desafío proposto no obradoiro.

Web Ludantia: http://ludantia.wixsite.com/bienal-internacional