Os menores de 30 anos poderán mellorar a súa empregabilidade, habilidades sociais e competencias en redes sociais na Cámara de Comercio de Santiago

Esta formación troncal do programa PICE celebrarase do 14 de maio ao 1 de xuño, baseada en dinámicas de grupo e  simulación de entrevistas de traballo

A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela iniciará o vindeiro 14 de maio un nova edición do curso de formación troncal do Programa Integral de Cualificación y Empleo (PICE), que se impartirá nas aulas da entidade ata o 1 de xuño en horario de 9:00 a 14:00 horas.

O curso ofrecerá orientación en temas de empregabilidade, información referente a habilidades sociais e técnicas de comunicación e competencias dixitais para a busca de emprego, onde os participantes coñecerán o manexo das redes sociais e a creación de perfís profesionais en Linkedin ou outras plataformas. Será un curso práctico, baseado en dinámicas de grupo e con simulación de entrevistas de traballo. A inscrición estará aberta ata o luns 7 de maio nas nas oficinas centrais da Cámara de Comercio de Santiago (rúa San Pedro de Mezonzo 44, baixo).

Esta formación troncal forma parte do plan de capacitación do programa gratuíto PICE, unha iniciativa integrada no Plan Nacional de Implantación de la Garantía Juvenil do Ministerio de Empleo y Seguridad Social que conta con financiamento do Fondo Social Europeo. Está destinada a perseguir a empregabilidade de mozos e mozas menores de 30 anos, que nin están estudando nin traballando actualmente.

Na primeira edición da formación troncal, que se celebrou este mes de abril, os alumnos manifestaron nas enquisas de satisfacción estar moi satisfeitos co curso, ao que cualificaron como “imprescindible” para a formación orientada ao inicio da vida laboral, con contidos moi proveitosos e unha docente “moi apta” para desenvolver o curso.

Máis información e inscricións: http://www.camaracompostela.com