A Cámara de Santiago inicia o 23 de abril un programa de formación sobre animación en 2D e 3D para mozos e mozas menores de 30 anos

Celebrarase no viveiro de empresas de Riveira co cofinanciamento do Concello de Riveira e a Fundación Incyde a través do Fondo Social Europeo 

A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela iniciará o vindeiro 23 de abril o programa “Constrúe o teu Futuro. Animación 2D e 3D e Emprendemento”, organizado coa cofinanciación do Concello de Riveira e a Fundación Incyde a través do Fondo Social Europeo.A formación está destinada a mozos e mozas menores de 30 anos, que nin estudian nin traballan, inscritos no Sistema Nacional de Garantía Juvenil, ben sexan emprendedores ou profesionais que queiran adquirir novos coñecementos enfocados á animación 2D e 3D e que, ademais de incrementar a súa calidade profesional, queiran mellorar a súa empregabilidade.

O sector dos videoxogos é o de maior potencial de crecemento e innovación da industria dos contidos dixitais en España, e o seu desenvolvemento é un campo profesional prometedor que demanda perfís con formación especializada. En concreto, a Cámara sinala que o deseño e a produción 3D é un sector en expansión na industria do entretemento e en moitas outras áreas, como a publicidade, infoarquitectura, educación ou investigación.

O programa abarca as principais disciplinas vinculadas á creatividade dentro do mundo da animación. “A industria necesita profesionais cualificados nas áreas de 3D: produción, arte, deseño visual e de personaxes, contornas e props, desenvolvemento visual, modelado, contrución de contornas no motor, rigging, shading e texturas, efectos visuais ou simulación, entre outras relacionadas con competencias técnicas e artísticas” –explica a responsable do departamento de Creación de Empresas da Cámara de Comercio de Santiago, Rosa Cardeso–.

Poderán participar un máximo de 25 persoas e celebrarase ata o 1 de xuño na aula de formación do viveiro de empresas do Concello de Riveira (rúa Fafián, 29), os luns e os xoves en horario de 10:00 a 12:00 horas. Tamén inclúe titorías individuais entre o alumno e o consultor. As persoas interesadas en participar poden poñerse en contacto coa Cámara de Comercio de Santiago (981 596 800; vivero@camaracompostela.com) ou consultar o programa completo e inscribirse na web www.camaracompostela.com).