As obras e o pensamento arquitectónico de Alejandro de la Sota protagonizan unha mostra que se inaugurará no Día das Artes Galegas

A exposición, composta por oito prismas, recolle espazos de habitar, industriais, deportivos, civís, educativos e deseños de mobiliario do arquitecto 

“Alejandro de la Sota 1913-1996”, promovida polo Colexio de Arquitectos  de Galicia coa colaboración da Real Academia Galega de Belas Artes e con fondos documentais cedidos pola Fundación Alejandro de la Sota, inaugurarase o sábado 14, ás 13:30 horas, na Praza da Ferrería de Pontevedra 

Con motivo do Día das Artes Galegas 2018 este sábado, 14 de abril, inaugurarase a exposición “Alejandro de la Sota 1913-1996”, promovida polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) en colaboración coa Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA). O acto será ás 13:30 horas na Praza da Ferrería de Pontevedra, e contará coa asistencia do alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores; o decano do Colexio de Arquitectos de Galicia, Antonio Maroño; o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo; e o vicepresidente da institución, Celestino García Braña.

Trátase dunha exposición na rúa, concibida para que os cidadáns a poidan visitar e percorrer de forma pausada, que viaxará ás sete cidades galegas, permanecendo quince días en cada unha. A mostra amosa as obras de Alejandro de la Sota Martínez e o seu pensamento arquitectónico, con fondos documentais cedidos pola Fundación Alejandro de la Sota.

A exposición deseñada por Trespes Arquitectos. Está composta por oito prismas de base cadrada –de 1,5 metros e 2 metros de altura–. Cada prisma acolle unha temática, e cada temática presenta dous proxectos. De forma diferenciada destaca o módulo no que se expoñen varias pezas de mobiliario deseñadas polo arquitecto e outro que está dedicado ao seu ideario cun ideograma con frases e anacos de memoria.

Prismas de “Alejandro de la Sota 1913-1996” 

  1. Presentación e habitar co proxecto “Poboado Esquivel” en Alcalá del Río, Sevilla (1952).
  1. Espazos para habitar cos proxectos “Casa Guzmán” en Algete, Madrid (1972-1974, derrubada en 2016) e “Casa Domínguez” (1973-1978) na Caeira, Poio (Pontevedra).
  1. Espazos para a industria cos proxectos da central leiteira Clesa (1958-1961) e Tabsa (1956-1958) en Madrid.
  1. Espazos para o deporte cos proxectos do Pavillón Municipal de Pontevedra (1964-1967) e o ximnasio Maravillas (1960-1962) en Madrid.
  1. Ideario, vida, natureza, arquitectura popular, creación, innovación, habitar, tecnoloxía e arquitectura.
  1. Espazos civís cos proxectos do Goberno Civil de Tarragona (1957-1964) e o edificio de Correos e Telecomunicacións de León (1981-1984).
  1. Espazos para a docencia cos proxectos do Colexio Maior César Carlos (1963/1967-1971) na cidade universitaria de Madrid e o aulario da Universidade de Sevilla (1972-1973)
  1. Mobiliario

Homenaxe institucional o sábado no Teatro Principal de Pontevedra, ás 19:00 horas

A conmemoración do Día das Artes Galegas culminará cun acto solemne, organizado pola Real Academia Galega de Belas Artes, no Teatro Principal de Pontevedra, o sábado 14 ás 19:00 horas (a data oficial da efeméride é o 1 de abril, pero este ano trasladouse ao coincidir con Semana Santa). Contará coa asistencia do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; o alcalde de Pontevedra e o decano do Colexio de Arquitectos de Galicia, ademais doutras autoridades e representantes do ámbito cultural galego. O presidente da Real Academia Galega de Belas Artes inaugurará a homenaxe que terá como discurso central unha glosa dedicada ao arquitecto que lerá Celestino García Braña. O Día das Artes Galegas contou este ano coa inestimable colaboración do Colexio de Arquitectos de Galicia, Deputación de Pontevedra e Concello de Pontevedra.

Alejandro de la Sota Martínez (Pontevedra, 1913 – Madrid, 1996) foi un dos arquitectos españois mais prestixiosos e recoñecidos do seu tempo. A súa arquitectura, desde os seus inicios na profesión, enlaza co pensamento máis avanzado do Movemento Moderno europeo. A súa forma de abordar o proxecto a través da idea, dunha argumentación conceptual e abstracta, da experimentación no uso dos materiais e dunha expresividade concisa e elocuente, ocupan un lugar central no discurso intelectual da arte e a arquitectura do século XX. Desde as súas propias realizacións, nas súas diferentes ocupacións como arquitecto, no Instituto de Colonización, funcionario na Dirección Xeral de Correos, e como docente na Escola de Arquitectura de Madrid, a influencia da súa obra e do seu pensamento foi inmensa, tanto na súa contorna xeracional como nas décadas posteriores, chegando ao momento actual, en que unha gran parte dos arquitectos españois considéranse os seus discípulos.

A fascinación que provoca a obra de Alejandro de la Sota non só reside na súa forma de elaborar unha arquitectura sincera, sen o menor exceso, sen o menor indicio de vaidade ou grandilocuencia. O realmente relevante é que mostrou a forma de facer da arquitectura unha forma de vivir, de entender o mundo, de gozar da cultura e o coñecemento, de observar e de aprender. No Sota mestre e no Sota arquitecto hai unha continuidade vital, unha coherencia de formulacións e unha honestidade indisociables.

Os edificios de Alejandro de la Sota son tan queridos para os arquitectos como quizá difíciles de entender para os alleos a esta disciplina. O pasado ano comunicouse a lamentable noticia do derrubo da casa Guzmán. A súa elegante sobriedade compositiva e a súa discreción inducen á procura e ao achado de formulacións brillantes que a miúdo pasan inadvertidas. A enérxica resolución na sección do ximnasio do Colegio Maravillas (Madrid, 1961) ou a contundente composición da fachada do Goberno Civil de Tarragona (1957) son dúas imaxes icónicas do estilo internacional que, como recoñece William Curtis, aliñaban á España da autarquía na vangarda arquitectónica europea.

“Enorme é a débeda contraída pola sociedade con este gran arquitecto, mestre á súa vez de grandes arquitectos e referente moral e intelectual de varias xeracións ás que transmitiu un valioso legado de sabedoría e coñecemento” –asegura a Real Academia Galega de Belas Artes–. A súa obra foi recoñecida e valorada nacional e internacionalmente, exposta e publicada en EEUU, Alemaña, Francia, Reino Unido, Alemaña, Suíza e Italia. 

Traxectoria docente e profesional

Entre os anos 1956 e 1972, Alejandro de la Sota foi profesor de Elementos de Composición y Proyectos na ETSA de Madrid. Ditou numerosas conferencias nas escolas de arquitectura españolas e estranxeiras. Foi gañador de importantes concursos – Premio Nacional de Arquitectura polo edificio de aulas e seminarios da Universidad de Sevilla (1974), Medalla de Ouro ao Mérito de las Bellas Artes (1986), Medalla de Ouro de Arquitectura do Consejo Superior de los Colegios de Arquitectos de España (1988), Premio PINAT (1988) ou a Medalla de Ouro de Arquitectura do Colegio de Arquitectos de Cataluña (1996) –e tamén xurado noutros tantos. E numerosos son, tamén, os seus escritos. A súa obra foi profusamente divulgada en revistas e libros nacionais e estranxeiros e protagonista dun gran número de exposicións, varias delas fóra do país. A transcendencia da súa obra está máis que acreditada e foi estudada por eminentes críticos internacionais como Leonardo Benévolo, Kenneth Frampton ou William Curtis.