Eva Rieiro e Alejandro Juanatey expoñen os seus gravados e pinturas en Termas de Cuntis

A artista usa o espello como recurso para falar da identidade das persoas e o pintor recrea “natureza imaxinada” 

A mostra “A través do espello” inaugurarase o sábado-14, ás 12:00 horas, e estará aberta ao público durante un mes

O balneario Termas de Cuntis inaugurará o sábado, día 14, a exposición “A través do espello”, con obras dos artistas Eva Rieiro e Alejandro Juanatey. A mostra inaugurarase ás 12:00 horas e permanecerá exposta ata o 14 de maio.

É unha exposición conxunta, composta aproximadamente por quince obras de cada artista, aínda que independente no que se refire ao seu contido. Eva Rieiro, afincada en Santiago de Compostela aínda que natural de Santa Comba (1977), é unha profesional do mundo da arte, licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo e profesora de pintura, debuxo e artesanías, tanto para nenos como para adultos. Ademais do seu labor como docente, a artista, polifacética e apaixonada da decoración, deseña complementos e realiza todo tipo de creacións artísticas, aínda que se dedica especialmente á ilustración. Participou en varios certames e mostras colectivas como o III Premio Auditorio de Galicia para Xoves Artistas 2003, III Certame Artes Plásticas Deputación de Ourense ou na VII Bienal de Pintura Araguaney 2005. Pola súa parte, Alejandro Juanatey (San Sebastián, 1977) foi alumno de Rieiro durante moitos anos en diversos centros socioculturais de Santiago de Compostela e actualmente segue a explorar as súas habilidades artísticas coa paleta.

A obra que presenta Eva Rieiro en Termas de Cuntis céntrase no gravado case na súa totalidade, co “espello” como referencia e vínculo entre as obras que presenta. Inspírase no espello como recurso para falar sobre as persoas, da súa identidade e de como atoparse así mesmo.

E a obra de Juanatey é, na súa maior parte, o que el denomina “natureza imaxinada”, dous elementos que nada teñen que ver entre si e que se funden nun só. Son pinturas realizadas  principalmente en acrílico, aínda que tamén usa outras técnicas como o óleo, carbón  ou técnica mixta.