Unha investigadora galega salienta que na Idade Media obrigábase a usar unha determinada vestimenta como xeito de dominar o territorio

No caso da danza, a súa concepción como parte da expresión necesaria do ser humano, cambia cando se impón o Cristianismo

A Rede de Estudos Medievais Interdisciplinares celebra o I Congreso Internacional “O Camiño do Medievalista”, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela e o Cabido da Catedral de Santiago. Comezaba onte mércores no Paraninfo da USC -na Facultade de Xeografía e Historia- e prolongarase ata mañá venres. No transcurso deste evento, xoves investigadores procedentes de diferentes puntos de España, Europa e dos Estados Unidos están a dar a coñecer os resultados e avances dos seus estudos centrados na Idade Media.

As leis limitaban o luxo na vestimenta e a utilización de formas e materiais que superaran as marxes da moralidade establecida

No transcurso da xornada de hoxe abordouse, entre outros temas, a indumentaria medieval. A investigadora de Historia da Arte da Universidade de Santiago Alba Rodríguez Silgo puxo de manifesto que “a indumentaria é un fenómeno cultural e social esquecido e mesmo desprezado polos historiadores pero con relevancia nas diferentes épocas debido a que os grandes cambios tamén se expresan a través da moda”.

A investigadora explicou que na Baixa Idade Media, cos Reis Católicos e a unificación de Castela e Aragón, prodúcense moitas transformacións na vestimenta, xa que os monarcas buscan amosar unha unidade do territorio e crear unha certa propaganda por medio dunhas prendas moi concretas, que experimentan unha serie de cambios. “As prendas non só tratan de tapar o corpo senón que, atendendo á intención de unidade e aos novos preceptos relixiosos, a imaxe da muller desaparece baixo a roupa. Así, a roupa oculta o corpo, que incita ao pecado, ao tempo que se converte nun elemento hexemónico” -indicou a investigadora-.

Ademais, sinalouse que se trataba de establecer distancia cos árabes e xudeus, aos que se lles obriga a vestir con sinais diferenciadores, co fin de coñecer a relixión de cada un. Por tanto, neste período úsase a indumentaria como un xeito máis de dominar o territorio.

Por outro lado, a unificación dos territorios de Castela e Aragón supuxo un maior enriquecemento da poboación, de maneira que xorde a clase media, a burguesía, e iso reflíctese no seu xeito de vestir. Como consecuencia desta situación, os reis vense na obriga de crear unhas leis que limitan o luxo na vestimenta para que os nobres seguiran amosando a súa superioridade. Deste xeito, acoutábase a cantidade de seda, de fío de ouro, de guarnicións… que se podía empregar; e dábanse indicacións relativas ao uso das cores e de determinadas prendas.

Tal como se destacou na xornada, as denominadas pragmáticas ou leis suntuarias converten á indumentaria nun elemento que debe ser ordenado ou disciplinado co fin de evitar o luxo excesivo ou a utilización de formas e materiais que superaran as marxes da moralidade establecida. A necesidade de cubrir o corpo, tanto feminino como masculino, leva a transformar non só formas senón tamén materiais e medios de produción. Durante a Idade Media as pezas caracterízanse, na súa xeneralidade, por tecidos máis grosos, de confección máis robusta e deseño máis folgado.

“Bragas, sayas, pellotes, aljubas, tabardos e capas son só algunhas das concrecións de época de todo isto. Pero, ademais, cada territorio segue as súas propias normas, que exceden os límites do que poderiamos chamar un estilo internacional, ou cando menos europeo, da indumentaria deste momento” -salientou a investigadora-.

Na Idade Media a danza vencellábase coa luxuria

Outro dos aspectos tratados no marco deste congreso foi a danza na Idade Media. A investigadora de Historia da Arte da Universidade de Santiago Amalia Pérez Valiño sinalou que “xa dende a antigüidade, o baile ten un forte compoñente ritual, sendo considerado en moitas culturas como unha forma sacra de comunicación coa natureza ou cos deuses. O movemento rítmico non só lles asistía na súa ansia por comunicarse cos seus deuses e a acompañar as almas dos seus defuntos, senón que tamén lles axudaba a sentirse máis preto deles”. Non obstante, “a concepción da danza como parte da expresión necesaria do ser humano cambia cando o Cristianismo aparece en escena” -manifestou a investigadora-.

“As primeiras comunidades cristiás realizan un importante labor de síntese entre o novo culto e as antigas formas. A pesar diso, o baile non atopa o seu lugar na nova relixión, debido quizais a esa conexión profunda entre o home e a divindade que traía dende antigo e dá comezo o seu rexeitamento” -explicou a investigadora-. Na súa intervención centrouse no caso paradigmático de Salomé, a rapaza que mediante o seu baile consegue a cabeza de San Juan Bautista, e que por tanto representa a vertente pecaminosa da danza.

A investigadora remarcou a idea de que “na Idade Media a danza non era algo positivo, senón que normalmente vencellábase coa sensualidade e a luxuria, e víase como un rito ligado ás relixións pagás. O Cristianismo condena toda a danza e toda a música que resulte demasiado rítmica, considerándoa pecaminosa. E bótase man da muller para reforzar ese sentido inmoral dos bailes”. Nesta liña, lembrou que durante a etapa medieval o Cristianismo non era unha elección, senón un xeito de vida e a Igrexa, como figura de autoridade, tiña o poder de dictaminar o que se debía e non se debía facer.