Os asociados do Tambre poderán aplicar aos seus vehículos un tratamento gratuíto antichuvia durante toda a semana

O servizo, que forma parte dunha campaña da Asociación Área Empresarial do Tambre e a correduría de seguros Clemente Piñeiro, ofrecerase na gasolineira Galuresa do polígono

A Asociación Área Empresarial do Tambre (AEPIT) e a correduría de seguros Clemente Piñeiro, en colaboración coa gasolineira Galuresa do polígono, poñen en marcha esta semana, desde hoxe e ata o venres día 23, unha campaña para ofrecer un tratamento antichuvia totalmente gratuíto aos asociados de AEPIT.

Esta acción enmárcase dentro do convenio de colaboración, asinado entre AEPIT e Clemente Piñeiro, co obxecto de que a correduría preste servizos, con condicións especiais, de asesoramento e mediación, de produtos e servizos aseguradores e outras accións aos membros e afiliados da asociación, así como os seus traballadores e familiares de primeiro grao.

O servizo ofrecerase na gasolineira Galuresa, situada na Vía Edison 259 do Polígono do Tambre. O tratamento antichuvia, ou tratamento hidrofóbico, actuará como repelente da auga para os parabrisas dos vehículos, mellorando a visibilidade, e por tanto a seguridade na condución, en condicións climáticas de chuvia ao esvarar a auga e ser expulsada polo aire de enfronte, evitando ter que accionar os limpaparabrisas, circulando a máis de 80 quilómetros por hora. Aplícase un líquido composto de certas resinas acrílicas ou polímeros transparentes que se adhiren sobre a superficie do cristal reenchendo os poros e formando una película duradeira, de preto de 20.000 quilómetros ou o que sería o mesmo un ano. O produto tamén realiza un efecto antisucidade e antimosquito, ao non adherirse tanto ao cristal como antes, permitindo limpar o parabrisas con moito menos esforzo.