Alumnos da Escola de Altos Estudos Musicais ofrecen este luns un concerto no Paraninfo da Universidade de Santiago

Esta iniciativa enmárcase no ciclo “A Escola na Cidade”, actuacións dos futuros músicos en diferentes puntos de Compostela

A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) ten en marcha a iniciativa “A Escola na Cidade”, un ciclo de concertos de música de cámara interpretados polos alumnos do Curso Avanzado de Especialización Orquestral do centro. As entradas destas actuacións son gratuítas ata completar aforo.

No marco deste programa, mañá luns, 19 de marzo, ás 20:30 horas, os rapaces ofrecerán un concerto no Paraninfo da Universidade de Santiago, na facultade de Xeografía e Historia. En primeiro lugar soará o Cuarteto de cordas nº 15 de Wolfgang Amadeus Mozart (1756-1791), o segundo dos seis cuartetos que o autor dedicou ao tamén compositor Joseph Haydn, amigo e compañeiro de masonería.

A continuación o público terá a oportunidade de gozar cun fragmento do Cuarteto de cordas nº 1 do compositor checo Bedrich Smetana (1824-1884). Esta obra subtitulouse “Da miña vida”. Nela o autor describe cunha nostalxia un tanto turbulenta a súa xuventude, o seu amor polo arte, a súa ambición creadora e, ao mesmo tempo, o drama a e infelicidade da súa madurez, ao irrumpir na súa vida a enfermidade e a xordeira.

De seguido interpretarase o Quinteto de vento de Carl Nielsen (1865-1931), unha das últimas obras do compositor danés. E o concerto concluirá coa obra Dixtour para quinteto de vento e quinteto de cordas do francés Jean Françaix (1912-1997).

Dentro deste ciclo de concertos de “A Escola na Cidade”, están programadas novas actuacións para o mes de xuño, protagonizadas tamén por alumnos do Curso Avanzado de Especialización Orquestral da Escola de Altos Estudos Musicais. Serán un total de nove concertos que se celebrarán como colofón dos seus estudos. E, ademais, terá lugar o habitual concerto de fin de curso coa Real Filharmonía de Galicia, previsto para o 9 de xuño no Teatro Principal, baixo a batuta do mestre Maximino Zumalave.