Unha publicación do Consorcio de Santiago e a Editorial Galaxia percorre a historia da Banca Olimpio Pérez, que se funda en Compostela en 1845

Preséntaa esta tarde o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, ás 19:30 horas no Centro Abanca Obra Social, cuxo edificio foi a sede do banco durante algo máis dun século

O Consorcio de Santiago e a Editorial Galaxia acaban de publicar o libro Olimpio Pérez. Unha historia da Compostela moderna, de Xoán López Facal, que relata a historia da familia de banqueiros. Presentarase esta tarde no Centro Abanca Obra Social, na Praza de Cervantes, ás 19:30 horas, precisamente no mesmo edificio que acolleu a Banca Olimpio Pérez durante algo máis dun século.

No acto estarán, ademais do autor, o alcalde de Santiago e presidente do Consorcio da cidade, Martiño Noriega; a xerente do organismo interadministrativo, Belén Hernández; o responsable de Publicacións do Consorcio, Juan Conde; xunto ao director da Editorial Galaxia, Francisco Castro.

Esta publicación é un estudo dos negocios e das contas da Banca Olimpio Pérez, do volume e composición da súa carteira de valores e da súa rede de relacións financeiras. A obra pretende “contribuír a un mellor coñecemento da nosa historia económica” -sinala o autor-. Ademais, representa “unha homenaxe sentimental á cidade de Santiago de Compostela e unha aproximación á súa historia recente a través dunha importante familia de banqueiros e dunhas figuras que o tempo foi ennobrecendo”.

Xoán López Facal é enxeñeiro industrial pola Universidade Politécnica de Madrid e doutor en Ciencias Económicas pola Universidade de Santiago de Compostela. Traballou en estaleiros, na banca e na empresa pública Sodiga. Foi deputado no Parlamento de Galicia e profesor asociado da Universidade de Santiago.

“O banco de don Olimpio” era coñecido en toda Galicia

A publicación nace como resultado da súa tese de doutoramento, titulada O Banco de Olimpio Pérez, 1880-1936, que acabou por ser coñecido en toda a comarca compostelá e mesmo no resto de Galicia como “o banco de don Olimpio” e forma parte da historia da modernidade compostelá. Tal como explica o autor, “a elaboración da tese levoume a perseguir documentos desordenados, espallados polos estantes do subterráneo da sede de Cervantes e os almacéns do Banco Gallego na Coruña, polo Arquivo Histórico do Banco de Bilbao no barrio bilbaíno do Arenal -que garda a documentación do Banco da Coruña- e tamén polo Banco de España”.

A orixe do banco familiar situado na Praza de Cervantes condúcenos ao pai de Olimpio Pérez (Santiago, 1841-1915), Manuel Pérez Sáenz, un emprendedor rioxano que decidiu buscar vida en Compostela alá polos primeiros anos trinta do século XIX. Foi nesta cidade onde atopou o seu primeiro traballo e a súa primeira esposa, filla do acomodado comerciante Francisco Rodríguez Arijón, que adquiriu a casa da Praza de Cervantes en 1842, e que sería a futura morada familiar e sede dos seus negocios. O banco fundouse no ano 1845.

Cando Olimpio Pérez falece deixa os negocios nunha situación de incerteza económica e o banco é finalmente absorbido logo de cen anos de historia

Olimpio Pérez falecía o 7 de marzo de 1915, deixando unha familia numerosa composta por once fillos e 32 netos. Finou nun contexto de inquedanza familiar polas mudanzas económicas observadas dende a declaración da guerra en Europa e a incerteza sobre o seu posible impacto nas contas do banco. En diante, os novos xestores haberían de adoptar decisións sen contar coa experiencia e o bo criterio de don Olimpio.

Logo de cen anos de historia, en 1965 a Banca de Olimpio Pérez foi absorbida polo Banco de Crédito e Inversiones e en 1987 pasou a formar parte do Banco Gallego. En abril de 2013 o Estado vendía en poxa pública o Banco Gallego, como acabou denominándose o Banco de Hijos de Olimpio Pérez, S.A., ao Banco Sabadell, polo prezo dun euro. O último vestixio corporativo da familia Pérez pasaba a diluírse nun banco catalán cun custo para as arcas públicas de 325 millóns de euros. Olimpio Pérez figura entre os fundadores da Caja de Ahorros de Santiago e ocupaba a súa presidencia no momento do seu falecemento.